Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Presentación da iniciativa.

DOWN PONTEVEDRA XUNTOS e a Fundación Vodafone España presentan un ambicioso proxecto de formación en TIC para a inserción laboral das persoas con síndrome de Down

Versión para impresiónSend by email
Pontevedra, 27/07/17 (12:54)
  • En 2017 recibiron formación prelaboral en Novas Tecnoloxías 8 persoas con síndrome de Down e discapacidade intelectual de DOWN PONTEVEDRA XUNTOS

 

Esta foi unha mañá moi especial no Pazo de Mugartegui de Pontevedra. Alí, DOWN PONTEVEDRA XUNTOS e a Fundación Vodafone España presentaron ‘Enreda2', unha iniciativa cuxo obxectivo é poñer en contacto a empresarios/as da zona e mozos con síndrome de Down co obxectivo de que dialoguen e intercambien opinións sobre os beneficios que ten a inserción laboral das persoas con discapacidade intelectual, tanto para este colectivo como para o ámbito empresarial.

Esta acción de networking , que xorde a partir do programa de formación prelaboral ‘Yo me prep@ro' impulsado por ambas as entidades, permitiu que os/as empresarios/as poidan coñecer de preto a persoas con esta discapacidade intelectual candidatas a incorporarse como traballadores/as nas súas empresas. A interacción entre empregadores/as e posibles empregados/as serviu para que o sector empresarial derrube prexuízos e falsos estereotipos que historicamente se relacionaron coa síndrome de Down.

E é que, a pesar de contar coa formación adecuada e ser traballadores/as constantes, metódicos/as e organizados/as, tan só o 5% das persoas con síndrome de Down puido demostrar a súa valía; por iso é indispensable contar co apoio e a colaboración do tecido empresarial. Así, grazas a Enreda2', ‘e mediante a conversación e a formulación de diversos xogos, os/as empresarios/as puideron coñecer de primeira man as calidades que estes mozos atesouran, ademais de apreciar os seus valores e as capacidades para o traballo que posúen.

Para presentar esta iniciativa estiveron presentes a Deputada de Cohesión social e Xuventude, Digna Rosa Rivas Gómez; a técnica de Benestar Social e Deportes, Patricia González; o responsable de Administracións Públicas de Vodafone España en Pontevedra, Severino Castroman; e o presidente de DOWN PONTEVEDRA XUNTOS, Manuel Pérez Cabo.

Manuel Pérez Cabo afirmou que, para lograr a inclusión laboral do colectivo “é necesaria a confluencia dunha serie de factores imprescindibles: a implicación das diferentes administracións e a de diversas iniciativas privadas, como neste caso a Fundación Vodafone España”.

Opinión que compartiu Digna Riva, para quen “é importante que tanto a empresa privada como as institucións públicas podamos traballar en conxunto por inserción laboral”.

Pola súa banda, Severino Castroman comentou que “cremos que a tecnoloxía é un facilitador para a inserción laboral que vai xerar oportunidades para todos os colectivos e empresas”.

Patricia González destacou que “DOWN PONTEVEDRA aposta pola formación en novas tecnoloxías co fin de posibilitar que as persoas con discapacidade desempeñen postos de traballo nos que hai anos estaban practicamente excluídos”.

Por parte do tecido empresarial interviu María Pierres, co-xestora Coworking do Espazo Arroelo, que relatou a súa experiencia no programa: “Cecilia non é unha traballadora máis, é a imaxe da nosa empresa”, dixo en alusión á súa empregada.

 

O programa ‘Yo me prep@ro '

O obxectivo do proxecto ‘Yo me prep@ro' é proporcionar ás persoas con discapacidade intelectual as ferramentas e estratexias necesarias en aspectos clave como o uso adecuado das TIC: programas informáticos, navegación por Internet, acceso a redes bancarias informatizadas ou aplicacións móbiles. Todo co obxectivo de axudarlles a salvar a fenda dixital que lles condiciona enormemente á hora de atopar un posto de traballo, o que supón unha seria traba ás súas aspiracións de mellorar a súa autonomía e levar unha vida o máis plena e independente posible.

Este ano, na nosa provincia están a recibir esta formación prelaboral en Novas Tecnoloxías 8 usuarios/as de DOWN PONTEVEDRA XUNTOS, que adquiren as competencias necesarias para poder desempeñar un posto de traballo coa normalidade e eficacia de calquera empregado/a.

Estes/as alumnos/as de Pontevedra sumaranse a outros/as en diversas provincias, alcanzando un total de 240 mozos que recibirán esta formación en toda España. En total serán 10.500 horas formativas apoiadas en sete novos vídeo-tutoriais que, cunha linguaxe sinxela e accesible, detallarán os pasos e instrucións para que os alumnos coñezan a fondo o uso da internet, xestionar o correo electrónico ou manexar redes sociais como LinkedIn, entre outras habilidades.

Tras o éxito de anteriores edicións, o proxecto afronta este ano a súa terceira edición a nivel nacional con renovado impulso, pois superou as expectativas tanto no número de prácticas conseguidas como na cifra de contratacións alcanzadas. Desde a súa posta en marcha en 2014, e a pesar das complicadas condicións do mercado de traballo, este programa conseguiu 222 contratos para alumnos/as con síndrome de Down.

Como complemento a esta edición, os 480 mozos que participaron nas dúas edicións anteriores do proxecto recibiron un curso de refresco dos seus coñecementos para que actualicen as destrezas adquiridas en novas tecnoloxías aplicadas á vida laboral.

Tema: Xeral
Fonte: Fundación Vodafone España
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal