Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Logo de Parental Click.

Nace a primeira app anti bullying e acoso que obtén probas legais en caso de xuízo

Versión para impresiónSend by email
Madrid, 19/07/17 (11:37)
  • Nace Parental Click, a primeira aplicación de control parental baseada na xurisprudencia do Tribunal Supremo e que, grazas á mediación activa dos pais e o consentimento do menor, permite obter probas legais e lexítimas en caso de proceso xudicial

 

O obxectivo principal da aplicación é permitir aos pais levar a cabo un control consentido dos seus fillos no día a día e previr de forma eficaz e legal os casos de acoso sexual, cibernético e bullying.

A aplicación foi creada polo avogado español Pedro Valle e conta co soporte dos prestixiosos expertos en psicoloxía infantil, adolescente e familiar ‘Psiconueve' e da consultora tecnolóxica Grupo Hasten.

Tres de cada cinco casos que chegan á sala do penal do Tribunal Supremo son por acoso a menores

Tres de cada cinco casos que chegan á sala do penal do Tribunal Supremo son por acoso a menores. Isto ocorre en moitas ocasións porque as probas presentadas pola acusación non foron obtidas de forma lexítima e legal, de modo que son desestimadas. As consecuencias disto é o alongamento durante anos do proceso xudicial, recurso tras recurso, incluso reducindo as posibilidades de obter unha sentenza favorable. “A boa intención e a necesidade de axudar canto antes non implica un bo resultado, hai físgoas legais que poden supoñer un freo, mesmo que o acusado quede impune”, manifesta Pedro Valle.

Ata o momento, as únicas ferramentas dispoñibles eran aplicacións espía que incluían un sistema de filtrado de contido. Estas aplicacións axudaron a moitos pais para coñecer situacións que prexudican aos seus fillos, pero non axudan de forma eficaz a resolvelo. En caso de detectar un feito denunciable, os pais primeiro terán que xustificar a súa actuación e mostrar como se obtivo esa información.

Parental Click está deseñada para que toda a información que obteñan os pais poida constituír unha proba procesalmente lexítima dos feitos ocorridos. En caso necesario, a súa acción xudicial será máis breve e con maiores garantías de éxito. É dicir, non vulnera os dereitos do acusado, nin o dereito á intimidade do menor ou do segredo das telecomunicacións.

Unha ferramenta de defensa en caso de abuso ou agresión para o menor e unha ferramenta de control honesto e transparente para os pais

 

Segundo o INE, case o 70% dos nenos de 12 anos xa ten un smartphone
En caso de abuso ou agresión, o menor conta cun recurso que pode activar na app chamado “Botón do Forte”. Desta maneira, só con axitar o teléfono actívanse os sistemas de xeolocalización e gravación de imaxe e son coa idea de obter probas lexítimas do ocorrido. A xeolocalización permite identificar ademais o lugar exacto dos feitos, algo clave nun proceso xudicial xa que “dependendo de onde ocorran os feitos, o custo da indemnización terá que ser asumido segundo corresponda. Sempre que os nenos estean baixo a responsabilidade dun profesional -colexio, actividades extraescolares, campamento…- este será o responsable. Se ocorren na internet ou fóra do centro, son os pais do agresor o que o asumiría” matiza Pedro Valle. “Esta indemnización pode alcanzar os 40 mil euros”, engade.

Pola súa banda os pais obteñen unha ferramenta honesta e transparente de control no día a día, xa que o menor está totalmente informado da información á que teñen acceso os seus proxenitores. Así poderán detectar se o seu fillo é vítima de abusos -mesmo se é agresor- e se fai un uso responsable da tecnoloxía. Parental Click tamén ofrece aos proxenitores axuda profesional online, tanto dos expertos tecnolóxicos como do equipo de psicólogos, ademais de acceso a unha comunidade onde os pais e nais poden compartir as súas experiencias.

“Actualmente en España, máis dun millón de pais espían aos seus fillos na internet, a pesar de sentir que non están a facer o correcto. Desde Parental Click non queremos desenvolver unha contorna onde controlar todo o que fan os fillos mediante unha app, senón axudar aos pais para anticiparse a un problema. Axudarlles a que poidan guialos mellor para que desenvolvan condutas responsables no seu uso da tecnoloxía”, sinala Valle. 

Tema: Xeral
Fonte: CiberSur
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal