Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Técnicos do proxecto durante unha das formacións para a adaptación de produtos tecnolóxicos.

Máis de 500 estudantes con discapacidade do proxecto InclúE+D terminan as clases

Versión para impresiónSend by email
Santiago de Compostela, 06/07/17 (13:03)

Un total de 544 estudantes con discapacidade participaron no Proxecto InclúE+D da Confederación Española de Persoas con Discapacidade Física e Orgánica (COCEMFE), desenvolvido en 191 centros educativos do país, co obxectivo de favorecer a inclusión educativa mediante a utilización das tecnoloxías da información e a comunicación.

“A educación é esencial para o futuro de calquera persoa e, por suposto, das persoas con discapacidade. Para COCEMFE é primordial que os/as nenos/as e adolescentes do noso grupo social participen en igualdade de condicións no sistema educativo, xa que á parte de ter dereito a iso, supón dispoñer de maiores posibilidades de alcanzar o máximo desenvolvemento persoal e social”, explica Anxo Queiruga, presidente da organización.

Grazas ao proxecto InclúE+D reforzáronse as accións formativas dos centros, fomentado o coñecemento das TIC e sensibilizado á comunidade educativa con accións de concienciación nas que participaron máis de 5.500 estudantes sen discapacidade. Ademais, proporcionouse información e asesoramento a 35 familiares e máis de 600 profesores; impartíronse cursos de formación dirixidos a máis de 300 educadores e contouse coa participación de 42 voluntarios. Ademais, a execución do proxecto supuxo a xeración de 21 postos de traballo directos.

Este ano como novidade, realizouse formación para o desenvolvemento de produtos de apoio empregando circuítos programables con hardware libre e adaptáronse produtos tecnolóxicos existentes para que poidan ser utilizados polos estudantes beneficiarios do proxecto. Con iso, conseguiuse a creación de pulsadores para conectalos a dispositivos electrónicos e a adaptación de xoguetes e ratos.

Segundo o presidente de COCEMFE, “a insuficiencia de recursos tecnolóxicos dispoñibles nos centros educativos e a aposta da entidade pola innovación levounos a realizar as nosas propias adaptacións, conseguindo un aforro económico do 90% neste tipo de produtos e que os estudantes poidan utilizar os xoguetes en lugar de ver como xogan os demais compañeiros”.

Así mesmo, o proxecto incluíu actividades conxuntas entre estudantes con e sen discapacidade, coas que se conseguiu un maior coñecemento entre os/as compañeiros/as, así como actividades de deporte adaptado, circuítos de accesibilidade e a realización de libros sensoriais e outros materiais didácticos.

O proxecto InclúE+D desenvolverase durante todo o ano 2017 en centros educativos de titularidade pública e privada, en centros de educación especial e en entidades membros de COCEMFE, e contou coa participación de estudantes con discapacidade dos niveis educativos de Infantil, Primaria, Secundaria e Bacharelato.

Proxectos como este desenvólvense grazas á solidariedade dos contribuíntes que cada ano marcan na súa declaración da renda a casilla de Actividades de interese xeral consideradas de interese social, xa que se executou grazas a unha subvención procedente do 0,7% do IRPF do Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade.

Tema: Xeral
Fonte: Cocemfe
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal