A cidade galega de Vigo volveu situarse, unha vez máis, como anfitrioa no eixo do debate sobre a atención e necesidades das persoas maiores. Este foi o lugar escollido pola Confederación Nacional de Xubilados e Pensionistas de España (Conjupes) para organizar, xunto ao Imserso, a Xornada “Estratexias de Envellecemento Activo”.
Como expoñía o xefe de Área de Formación e Comunicación do Imserso, Jorge Domínguez, na presentación deste encontro, “trátase da primeira de próximas colaboracións futuras que haberá, seguro, entre Conjupes e o Imserso”. Esta xornada, á que acudiron máis de 150 persoas, enmárcase dentro das accións desenvolvidas por esta entidade dentro do seu Plan de Formación en Servizos Sociais.
Pola súa banda, o vicepresidente da confederación, José Andrade, foi o encargado de introducir un dos temas centrais da xornada: a Estratexia Nacional de Envellecemento Activo, un documento do que dixo, “nace coa misión de velar polos dereitos das persoas maiores, garantindo o acceso do colectivo a todos os bens e servizos e a súa participación activa na sociedade”.
A clave deste tema expúxoa Vicente Sanz, presidenre de Conjupes, que sinalou como un dos obxectivos deste encontro o de transmitir “á sociedade que o fenómeno do envellecemento debe ser entendido, non como un problema, senón como unha oportunidade”.
Nesta mesa inaugural estivo presente, tamén, José Piñeiro, presidente de Cogama (Confederación Galega de Organizacións de Maiores), que reclamou un “chamamento ás autoridades para que pensen nas persoas maiores e busquen aquelas solucións que sirvan para afrontar o envellecemento que estamos a vivir”.
Todos eles, ademais, coincidiron en desculpar a ausencia da directora xeral do Imserso, Carmen Balfagón, que, no último momento, non puido asistir a este encontro.
Amparo González, directora xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, pechou esta mesa inaugural recuperando unha das frases que pronunciara José Andrade uns minutos antes, cando dixo que “os maiores somos de primeira”. Así, González asegurou estar de acordo con esta afirmación e, engadiu, o compromiso que con este colectivo ten o Goberno galego. “A Xunta mantén un firme compromiso co benestar das persoas maiores e a que sigades envellecendo dunha forma libre de discapacidade e dependencia, pois o obxectivo non é só dar anos á vida, senón vida aos anos”, declarou Amparo González. Así mesmo, a directora xeral insistiu en que, tal e como se demostra na Estratexia Galega de Enevellecemento Activo, “as persoas son o centro das nosas políticas”. Doutra banda, tamén fixo fincapé na aposta da Xunta de Galicia por achegar “os servizos e os programas a todas as persoas, e en especial a aquelas que viven no rural, como faremos, por exemplo, coa posta en marcha duns servizos itinerantes destinados a persoas con Alzheimer”.
A importancia de apostar pola innovación
“As novas tecnoloxías da información ao servizo das persoas maiores” foi o tema central da primeira mesa da xornada na que interviñeron Rubén Olmeda, director da empresa Let's Marketing, e a psicóloga da Univerdad de Santiago, Sara Marsillas.
O director de Let's Marketing centrou a súa exposición na “atención ao cidadán a través das redes sociais en servizos sociais para persoas maiores”. Así, analizou a función das redes sociais na actualidade, destacando que “son unhas ferramentas que se as ides a usar, axilizan moito e evitan desprazamentos pero, en caso de non querer utilizalas, non pasa nada. Ninguén debe sentirse excluído –engadiu Rubén Olmeda– por non empregar as redes sociais”.
Comezou a súa alocución cunha análise da transformación que se viviu nos últimos anos do concepto de xubilado. “Hai que refugar ao xubilado como carga, como avó, porque isto cambiou”, dixo. “Un 18,4% da poboación é maior, por iso é polo que as administracións deban adaptarse a eles”, sinalou. Así mesmo, enumerou as vantaxes que os senior poden percibir grazas ao uso das redes sociais, como o entretemento, a inmediatez da comunicación, o acceso a todos os servizos, etcétera. Especial mención fixo, por exemplo, ao ámbito da saúde, pois a xestión online permite, actualmente, infinidade de trámites médicos a través do computador (como, por exemplo, pedir unha cita de Atención Primaria).
En palabras do director de Let's Marketing, “as persoas maiores están a superar a fenda dixital e demandan máis posibilidades. Por tanto, as administracións deben achegar o seu uso porque as redes, ao final, facilitarán unha mellora na calidade de vida dos maiores”.
Tomou a palabra, posteriormente, Sara Marsillas, que realizou unha detallada análise do uso que os senior fan das redes sociais dixitais. Coincidía con Olmeda ao dicir que “a fenda dixital estase pechando” e enumeraba as necesidades que satisfán as redes da seguinte maneira: comunciación, socialización, entretemento, ampliación de coñecementos e intercambio de información.
A psicóloga interactuou cos asistentes preguntándolles sobre o coñecemento que tiñan das principais redes como Facebook, WhatsApp, Twitter, etcétera; e tamén lles mostrou, con exemplos prácticos, que as redes están ao seu alcance e que son moitos os maiores que fan uso delas.
A estratexia de envellecemento
Dolores San Martín, presidenta da Federación de Asociacións de Maiores do Principado de Asturias (Fampa) pronunciou a seguinte conferencia na que se centrou en expoñer a misión do Grupo de Traballo da Estratexia de Envellecemento ao que ela mesma pertence. “Esta comisión formámola dez persoas que xa elaboramos dous borradores da estratexia”, afirmou. En canto ao obxectivo deste documento, dixo, “pretende recoller as liñas de actuación que orienten as políticas para as persoas maiores cara á promoción do envellecemento activo e a solidariedade interxeracional. Consideramos, en todo caso, que o primeiro para alcanzar este obxectivo é ter unhas pensións dignas”.
Entre as propostas desta estratexia, tal e como expuxo Dolores San Martín, destacan: o dereito dos maiores a unha vida digna e independente; promover o envellecemento activo; impulsar a solidariedade entre xeracións; dereito a que os senior participen na vida social, económica e cívica; e mantemento dos maiores activos como consumidores, cidadáns, traballadores, etcétera. Doutra banda, respecto diso das garantías, a presidenta de Fampa fixo fincapé na igualdade de oportunidades en todos os ámbitos; a non discriminación por motivos de idade; e a participación na formulación e aplicación das políticas que lles afecten, entre outras.
San Martín tamén reivindicou unha maior presenza dos senior nos medios de comunicación, así como outras liñas importantes que se inclúen na estratexia: potenciar o voluntariado de maiores para maiores, prevención dos malos tratos e seguridade xurídica en todos os ámbitos.
A visión autonómica púxoa Carmen Orgeira, subdirectora xeral de Promoción da Autonomía Persoal e Prevención da Dependencia da Xunta de Galicia, que detallou aos presentes os aspectos da “nova estratexia galega de envellecemento activo desde a innovación”.
Envellecemento e actitudes positivas
A Sociedade Galega de Xerontoloxía e Xeriatría (SGXX) tamén tivo o seu espazo nesta xornada coa conferencia do presidente da entidade, Miguel Ángel Vázquez, “Estratexias saudables no envellecemento”, e a do secretario da mesma, José María Faílde “Cambios na memoria durante o envellecemento”.
Faílde presentou unha detallada explicación de que é a memoria e como esta cambia na vellez, insistindo na preocupación de moitas persoas de poder perdela nesta etapa vital. Faílde aclarou que o envellecemento “non é realmente o que dana a memoria”, polo que se se teñen problemas con ela, “hai que acudir a un especialista, e non atribuír aos anos cumpridos a causa do problema” sinalando que, a mellor maneira de manter e coidar a memoria é “exercitala e aprender cousas novas, mesmo novos idiomas, música e lectura”. De feito, continuou, a aprendizaxe “prolonga a actividade cognitiva” e a memoria que, pode coidarse paralelamente con distintas pautas como: mellorar o estado xeral de saúde con exercicio físico e evitando tóxicos; reducir os niveis de tensións; ter unha boa alimentación e durmir, polo menos, oito horas diarias; adecuar a aprendizaxe ao estilo e método cognoscitivo dominante: visual ou auditivo; implicar todos os sentidos posibles durante a codificación; relacionar a información nova con coñecementos xa establecidos; manterse motivado e cunha actitude positiva.
Ambos os profesionais insistiron nos estilos de vida saudables tradicionais para un bo envellecemento, pero enumeraron diversos avances recentes do coñecemento científico en envellecemento e os distintos enfoques, actitudes positivas e educación ao longo da vida que inflúen, de forma beneficiosa nun envellecemento positivo, digno e saudable. Vázquez sinalou que “non deberiamos preocuparnos de vivir moitos anos, senón de vivir satisfactoriamente”.
“O envellecemento activo ten que ver coa participación continua ao longo da vida, coa seguridade e a boa saúde”, declarou o presidente da SGXX.
Rexístrate como: