Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Silvia García Méndez.

Premio a unha enxeñeira viguesa por facilitar a comunicación de persoas con discapacidade

Versión para impresiónSend by email
Santiago de Compostela, 27/06/17 (11:17)
  • Silvia García participa nunha 'app' que converte pictogramas en linguaxe natural

 

A enxeñeira de Telecomunicación viguesa Silvia García acaba de recibir o premio Vodafone Connecting for Good á Innovación, na categoría Accesibilidade TIC, polo traballo realizado para unha aplicación de móbil que facilita a comunicación de persoas con discapacidade.

García realiza a súa tese no Grupo de Tecnoloxías da Información do centro AtlantTIC, cuxos investigadores, en colaboración co Centro de Educación Especial Manuel López Navalón de Santiago, desenvolveron dentro do proxecto Accegal unha app para dispositivos Android que permiten a persoas con autismo ou parálise cerebral expresar accións moi concretas e crear oracións sinxelas a través do uso de pictogramas.

A achega da nova premiada, que ademais constitúe o seu traballo fin de máster, foi desenvolver unha librería para a xeración de linguaxe natural en español. Grazas a ela, cando os usuarios da aplicación seleccionan un pictograma xérase de forma automática unha frase na nosa lingua habitual.

Silvia García foi elixida xunto a outros cinco traballos finalistas de todo o país. "Obter a distinción foi toda unha sorpresa e supón un apoio moi importante ao meu labor como investigadora e á miña tese de doutoramento", sinala.

O premio supón unha achega económica de 15.000 euros e a posibilidade de participar no Mobile World Congress de 2018 e nos obradoiros de formación Campus CDTI (Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico Industrial do Ministerio de Economía).

O xurado estaba composto por directivos do CDTI, a Fundación Mobile World Capital Barcelona, Grupo Eulen, Renfe, a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, o Centro de Referencia Estatal de Autonomía Persoal e Axudas Técnicas e Vodafone.

García continúa traballando na mesma liña de investigación na súa tese, "mellorando a librería e estendéndoa a outros ámbitos".

Tema: Xeral
Fonte: Faro de Vigo
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal