Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Cartel del premio.

Fallo da XI Edición dos Premios Vodafone Connecting for Good á Innovación en Telecomunicacións

Versión para impresiónSend by email
Madrid, 26/06/17 (11:15)
  • O xurado da XI Edición dos Premios Vodafone Connecting for Good á Innovación en Telecomunicacións outorgou este ano tres premios, dotados con 15.000 euros cada un, a tres proxectos que innovan no ámbito das TIC accesibles

 

Á hora de emitir este veredicto, o xurado valorou o carácter innovador das solucións dentro da Sociedade da Información, o público obxectivo beneficiado pola solución, a súa viabilidade e a súa accesibilidade.

Na categoría “Accesibilidade TIC” premiáronse dous proxectos que promoven a autonomía persoal e a mellora da calidade de vida. Un deles recaeu na “Librería para a xeración de linguaxe natural en español” presentada por Silvia García Méndez. O seu obxectivo é facilitar a comunicación a persoas con trastornos na linguaxe ou o fala grazas á adaptación ao castelán da librería SimpleNLG para a xeración de linguaxe natural a partir de seleccións de palabras. Grazas ao algoritmo baseado no coñecemento lingüístico e estatístico desenvolvido, a xeración de linguaxe natural realízase de forma automática tanto para castelán como para inglés.

Na mesma categoría premiouse á aplicación Visual Tags, desenvolvida por NEOSISTEC en colaboración co MVRLAB da Universidade de Alacante. Esta aplicación permite a persoas con discapacidade visual moverse de forma completamente independente en espazos descoñecidos, sen necesidade de ser acompañada. Mediante a instalación de marcadores visuais e utilizando Visión Artificial, esta tecnoloxía fai accesible a cartelería presente en calquera lugar (hospitais, aeroportos, hoteis, centros comerciais, etc.), utilizando para iso unicamente un dispositivo móbil.  

En canto ao Premio “Solución social TIC”, que recoñece unha iniciativa de amplo impacto social e para calquera ámbito, recaeu no proxecto PPa-Protection People APP, unha solución desenvolvida pola ONG madrileña itwillbe que utilizando o recoñecemento biométrico (dactilar, facial e da pegada palmar) permite a estas organizacións identificar e xestionar os datos dos seus beneficiarios de maneira eficiente e transparente, e por tanto que as súas accións de protección de colectivos vulnerables teñan maior impacto. Ao estar ligado a unha app pode ser utilizado en zonas remotas, de emerxencias, e en proxectos dirixidos a nenos en situación de rúa ou poboacións migrantes, entre outros.

O xurado está composto por: Francisco Marín, Director Xeral do CDTI; Aleix Valls, Director Xeral da Fundación Mobile World Capital Barcelona; Miguel Ángel Valero, Director Xeral de CEAPAT; Ricardo Gabarró, Director de I+D+i do Grupo Eulen; Rodrigo Hilario, Director de Estratexia de RENFE; Mar Pereira, Directora da AMTEGA; José Manuel Sedes, Director de Sustentabilidade de Vodafone España; Branca Echániz, Directora de Servizos Particulares de Vodafone España; Enrique Martín, Director de Innovación de Vodafone España; e Mari Satur Torre, Directora de Innovación da Fundación Vodafone España.

Tema: Xeral
Fonte: Fundación Vodafone España
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal