Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Casa intelixente, accesible e sustentable da Fundación ONCE en Santiago.

Fundación ONCE expón en Santiago de Compostela unha casa intelixente, accesible e sustentable

Versión para impresiónSend by email
Santiago de Compostela, 21/06/17 (11:15)
  • A Fundación ONCE presentou o martes en Santiago de Compostela unha casa intelixente, accesible e sustentable, para demostrar á sociedade que a accesibilidade é positiva para todos e que, ademais, non está rifada co bo gusto

A vivenda, de máis de 100 metros cadrados, poderá visitarse no Parque da Alameda de Santiago de Compostela ata o vindeiro sábado 24 de xuño, en horario de 10.30 a 20.30 horas.

Na súa presentación o martes en Santiago de Compostela estiveron presentes José Manuel Rey, conselleiro de Política Social da Xunta de Galicia; Concepción Fernández; concelleira de Políticas Sociais, Diversidade e Saúde do Concello de Santiago de Compostela; Carlos José Fernández, presidente do Consello Territorial da ONCE en Galicia; Iker Sertucha, presidente do CERMI Galicia, e José Luis Borau, xefe de Accesibilidade ao Medio Físico da Fundación ONCE.

Entre os avances que poden gozar os usuarios que se acheguen a vela figuran alfombras con detección de presenza; balizas Beepcons, desenvolvidas por ILUNION, que están especialmente deseñadas para facilitar ás persoas con discapacidade visual a identificación e localización dos obxectos próximos; a nova Smart TV de Samsung, que recibiu o premio CES 2016 Best of Innovation na categoría de tecnoloxía accesible; un secador corporal; un armario de almacenaxe motorizada; unha cociña con encimeira regulable, ou unha mirilla dixital.

A estancia está pensada para que a visiten profesionais do sector da edificación, escolas de deseño industrial, empresas relacionadas coa construción, o urbanismo, a accesibilidade e a domótica, administracións públicas, asociacións de persoas con discapacidade e sociedade en xeral.

A casa, que conta con máis dun centenar de solucións tecnolóxicas, mostra aos seus visitantes as posibilidades de construción e dotación de mobiliario nunha vivenda intelixente, accesible e sustentable, á vez que ofrece solucións técnicas e tecnolóxicas a problemas de accesibilidade.

Dotada de salón, cociña/comedor, dormitorio, baño e hall de entrada, a vivenda concibiuse baixo os criterios de confort, adaptación ás necesidades dos seus habitantes, facilidade de uso, seguridade, sustentabilidade e estética.

Trátase da segunda parte dun proxecto que en 2016 percorreu un total de 15 cidades. Agora a casa, aloxada nun tráiler, viaxou por Palma de Mallorca, Málaga, Santa Cruz de Tenerife, Las Palmas de Gran Canaria, Xerez, Cáceres, Salamanca, Toledo, Alacante, Granada, Cartaxena, Lleida, San Sebastián e Oviedo. Viaxará despois a Vigo e está previsto que peche o percorrido coa visita a Ceuta e Melilla.

Tema: Xeral
Fonte: discapnet
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal