Un sistema de aprendizaxe mediante o intercambio de coñecementos a través de xogos en 3D é a proposta do proxecto europeo de I+D+i SeniorLudens, que desenvolveu unha plataforma tecnolóxica de gamificación pola que expertos de calquera ámbito poden crear de forma sinxela xogos para transmitir coñecementos sobre sectores como o tecnolóxico, o sanitario ou o alimentario.
O proxecto europeo de I+D SeniorLudens desenvolveu unha plataforma tecnolóxica de gamificación coa que crear xogos en 3D para compartir e transmitir coñecementos.
Máis de 200 persoas xa participaron en catro pilotos desenvolvidos en Italia, Países Baixos e España, onde se centrou no ámbito das Tecnoloxías da Información, co deseño dun xogo que axuda a aprender os conceptos e ferramentas máis utilizadas na xestión de proxectos tecnolóxicos. A empresa Indra lidera o proxecto europeo e desenvolveu o xogo no piloto español coa colaboración do departamento de Investigación de Enxeñería Biomédica da Universidade Politécnica de Cataluña.
A ferramenta SeniorLudens está deseñada non só para poder aprender xogando, senón tamén para que a experiencia de desenvolvemento destes xogos sexa sinxela e accesible. Para iso, a plataforma ofrece diferentes “mundos” xa prediseñados, que facilitan a parte máis técnica do desenvolvemento do xogo. Tras isto, só é necesario elixir os escenarios virtuais en 3D para recrear as diferentes situacións de maneira moi visual, situando obxectos na contorna. A cada un destes obxectos atribúeselle unha acción, coma se dun “quebracabezas” se tratase. Por último, defínese a dificultade de cada unha das tarefas que se deben levar a cabo para superar o xogo.
O proxecto aproveita as vantaxes do xogo para facilitar ese intercambio de coñecemento e mellorar a formación dos mozos, pero tamén para motivar aos traballadores de máis idade, enfrontándoos a novos retos que mostren o valor da súa experiencia. Ademais de poder utilizarse para compartir coñecementos, a ferramenta pode servir para crear sinxelos xogos sobre cuestións básicas e de importancia para as persoas maiores, que poden mellorar os seus coñecementos, por exemplo, sobre riscos e seguridade no fogar.
Os resultados dos pilotos foron positivos ata agora, xa que a ferramenta foi moi ben valorada, especialmente polos xogadores, que destacaron a utilidade da experiencia inmersiva en 3D como ferramenta de aprendizaxe. Tanto os resultados obtidos como o nivel de desenvolvemento que alcanzou SeniorLudens abren as portas á creación no futuro dunha solución comercializable froito do I+D+i.
Rexístrate como: