Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
As compoñentes de Teño unha Horta en San Sadurniño acadaron o premio na categoría de Vídeo-opinarmos.

E os mellores ‘youtubeir@s’ son...

Versión para impresiónSend by email
Ourense, 29/05/17 (11:16)
  • Ourense acolleu este venres a gala de entrega de premios do Concurso de Vídeos na Rede
  • As pezas de Corasón de Churrasco e Teño unha Horta en San Sadurniño acadaron os galardóns principais

 

Un vídeo opinativo sobre a problemática da praga da couza guatemalteca e un videotitorial de como facer un guiso anti-San Valentín. Estas son as pezas audiovisuais premiadas na primeira edición de Youtubeir@s Concurso de Vídeos na Rede. O Teatro Principal de Ourense acolleu este venres a gala de entrega de premios desta iniciativa dos servizos de normalización lingüística das universidades de Vigo, Santiago de Compostela e A Coruña e dos concellos da Baña, A Coruña, Ames, Carballo, Mazaricos, Ourense, Pontevedra, Ribadeo, Santiago de Compostela, Teo e O Grove. Con este acto culminou un proxecto que naceu coa vontade de conseguir que haxa máis vídeos en galego en Internet, concretamente na canle de YouTube, co fin último de fomentar a presenza e o uso deste idioma na rede.
 

Dous premios e catro mencións honoríficas

Tal e como explicaron María Yáñez e Manuel Núñez Singala en nome do xurado que participou no certame, a elección dos premiados entre os máis de 200 vídeos presentados resultou complicada dada a diversidade e calidade das propostas recibidas. Finalmente, na categoría Vídeo-facermos o premio foi para a peza Guiso especial anti-San Valentín, realizada polas youtubeiras de Corasón de Churrasco. Na categoría Vídeo-opinarmos o premio foi para Prohibido plantar patacas: a praga da couza guatemalteca, das xa populares youtubeiras de Teño unha Horta en San Sadurniño, que recolleron o premio “con orgullo de ter chegado ata aquí” e reclamando “máis mulleres rurais e máis galego na rede”. Cada un dos galardóns estaba dotado con 1000 euros.

Tamén se entregaron diversas mencións honoríficas, dotadas con 500 euros de premio. A mención especial polo enxeño e creatividade foi para David Otero Fumega polo seu vídeo SmartFol G6! Unha review moi especial e o premio que destacou a eficiencia comunicativa foi asignado ao videotitorial Tortilla de Pascua, da youtubeira Isabel Villanueva. A mención de honra á calidade técnica recibiuna Miguel Rodríguez pola súa vídeo-opinión 1000 rpm-A noite e o recoñecemento á calidade lingüística foi para o IES Urbano Lugrís de Malpica pola peza colectiva Seis pasos para falar malpicán.
 

Moita vida ao galego... e a Youtubeir@s

A gala foi presentada pola actriz Iria Pinheiro e nela predominou a ironía e o humor arredor do “gremio dos youtubeir@s”. Iñaki Quenerapú fixo un monólogo sobre a importancia de elixir ben a miniatura estática nos vídeos de YouTube e a Vj Marta Verde realizou un espectáculo de mestura cos vídeos participantes en directo. O acto contou coa asistencia de máis dun cento de persoas, entre concursantes, público e representantes institucionais dos concellos e universidades promotoras do certame. Entre eles e en representación das universidades implicadas, Virxilio Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense, quixo dar as grazas aos participantes no certame “por ter presente o galego nas vosas vidas e por telo levado á rede” e salientou o compromiso dos campus galegos co uso do galego. O vicerreitor rematou o seu discurso desexando “moita vida ao noso idioma”. Pola súa banda, os responsables de Normalización Lingüística dos concellos de Ourense e Pontevedra, María Belén Iglesias e Alberto Oubiña respectivamente, amosaron o seu desexo de que o certame de Youtubeir@s teña continuidade de futuro por canto supón “traballar a prol do galego a través de ferramentas actuais”, segundo salientou María Belén Iglesias, e porque "debemos prestixiar o galego en cantos máis mundos mellor”, tal e como subliñou Alberto Oubiña.

 

Tema: Xeral
Fonte: Diario da Universidade de Vigo
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal