Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Unha muller atendida por unha voluntaria de Cruz Roja

Muller nova, universitaria e sen cargas familiares, perfil do voluntario en España

  • Dos 3,7 millóns de españois que son voluntarios, o54.4% son mulleres, segundo o informe "A acción voluntaria en 2016"
  • Un 32,6% de españois axudan económicamente a algunha ONG e son os pensionistas quen máis donan a obras caritativas
Versión para impresiónSend by email
Santiago de Compostela, 11/05/17 (13:18)

Un 9,3% da poboación española, uns 3,7 millóns de persoas son voluntarias, sendo o perfil o dunha muller menor de 24 anos, universitaria, sen cargas familiares e cun status económico alto, segundo un informe elaborado pola Plataforma do Voluntariado de España co apoio do Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade.

En todo caso, a pesar da maioría de mulleres (representan o 54,4% do total de voluntarios en España), os autores do estudo observan un descenso do número de voluntarias no tramo de idade que coincide coa crianza dos fillos. Precisamente, o 7,1% das mulleres aducen problemas para conciliar o voluntariado coa vida laboral ou familiar fronte ao 3,5% de homes.

En xeral, as razóns expresadas tanto por homes como por mulleres polas que consideran difícil facer voluntariado son: a falta de tempo (17,5%), a falta de información (14,4%); os requisitos que piden as ONG (13,4%); ou a falta de solidariedade ou conciencia social (10,2%).

O estudo, titulado A acción voluntaria en 2016, tamén revela que o ámbito que máis atrae do voluntariado é o social (pobreza, infancia, violencia de xénero, migración, etcétera), elixido por un 53%; seguido polo voluntariado sociosanitario (13,6%) e o socioeducativo (12,2%).

Fenda de xénero

Segundo precisan os autores do estudo, da análise por sexo despréndese que aínda se producen "brechas de xénero" pois case 8 de cada 10 persoas voluntarias do ámbito sociosanitario son mulleres, mentres que a porcentaxe de homes aumenta no voluntariado de protección civil.

Doutra banda, o informe pon de manifesto que un 81,8% das persoas que fan voluntariado están moi satisfeitas co labor que realizan e a organización na que están, unha porcentaxe que crece entre os máis novos e as persoas con maior nivel de formación. En xeral, o 75% da poboación asegura que ten "moita ou bastante confianza" no voluntariado.

Por territorios, Galicia (14,7%) e Andalucía (11,7%) son as comunidades onde máis voluntarios hai. Así, o voluntariado ten un peso maior nas zonas norte, noroeste e sur, mentres que a colaboración económica destaca no centro, nordés e Canarias.

Precisamente, en canto á colaboración económica, o informe cifra nun 32,6% a porcentaxe de españois que axudan economicamente a algunha ONG. Neste caso, o perfil é o dunha muller maior de 45 anos, con emprego ou xubilada, cun alto nivel de estudos e de status socioeconómico e sen nenos no fogar.

Se queres máis información accede aquí.

Tema: Xeral
Fonte: El Mundo
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal