Ao abeiro do programa DepoEmprega 2016, organizado pola Deputación de Pontevedra para favorecer a inserción laboral de colectivos en risco de exclusión (persoas con diversidades funcionais, mulleres vítimas da violencia machista, mozas e mozos de menos de 30 anos á procura de formación e un posto de traballo), vaise desenvolver na cidade do Lérez un curso sobre informática básica encamiñado a achandar camiños cara ao mercado laboral. Nel participarán 27 persoas, segundo informou a entidade que preside Carmela Silva. Os contidos xirarán arredor do amplo abano de posibilidades e potencialidades que abre laboral e empresarialmente a informática, e todo de un punto de vista de iniciación. De feito, o obradoiro está dirixido a persoas con pouco ou ningún coñecemento dixital. Terá unha duración de 40 horas e desenvolverase entre o 3 e o 12 de maio.
A iniciativa, engade a Deputación, procura acadar que persoas sen coñecementos previos de informática “sexan capaces de manexar correctamente as funcións básicas dun computador persoal”. Así, as clases estarán orientadas a aprender a crear documentos de texto, modificalos e darlle formato, o uso de Excel e funcións básicas, e tamén conectarse e comunicarse a través de internet. O curso impartirase na Aula CeMIT da Deputación de Pontevedra. Polo que se refire a DepoEmprega 2016, ten o obxectivo de mellorar a inserción laboral de colectivos en situación de risco e de desemprego, fornecéndoos de formación para acadar certificados de profesionalidade, de prácticas en empresas e de busca de postos de traballo. Asemade, o programa tamén acolle accións individuais coas que se ofrece orientación en elaboración de currículos, entrevistas de traballo, obradoiros de habilidades sociais, adestramento ou novas tecnoloxías.
Rexístrate como: