O Concello de Salvaterra do Miño vén de informar do remate do seu segundo curso Coñece o teu móbil, como o seu nome indica orientado a tirar abaixo as barreiras que puideran afastar á veciñanza destes dispositivos e das moitas vantaxes que nos ofrecen (comunicarnos de maneira instantánea, facer e enviar fotos e vídeos, establecer a nosa localización exacta e o dos sitios a onde queremos ir, compartir historias, xestionar as nosas contas bancarias e as nosas compras, levar a cabo procedementos administrativos, etc). Segundo informou o Concello, o obradoiro foi un gran éxito entre o alumnado participante. Estendeuse no tempo durante 20 días, en clases de hora e media, e contou coa participación de dúas profesoras. Nel concorreron persoas maiores de Salvaterra coa finalidade de achegárense ao uso e potencialidades dos smartphones e das tabletas.
Nun plano máis concreto, introducíronse no manexo de programas básicos do móbil, en como xestionar contactos (gardalos, eliminalos, acceder a eles), en poñer unha ou varias alarmas, en empregar a calculadora, en personalizar as pantallas de inicio e bloqueo, en facer cambios de escritorio, ou en enviar, ler e suprimir mensaxes de texto. Tamén se lles ensinou a empregar a cámara de fotos e o calendario. Ademais, os alumnos e alumnas aprenderon a manexar o WhatsApp: a crear grupos, a enviar contidos ou a bloquear contactos, entre outras funcionalidades do popular servizo de mensaxeiría instantánea. Asemade, aprendéuselles a acceder a webs públicas de uso común (como a do SERGAS), a conectárense a accesos sen fíos Wi-Fi e a familiarizárense con redes sociais como Facebook ou con ferramentas como o GPS ou o Google Maps (moi útil para ampliar os coñecementos que teñen os nosos maiores da súa contorna xeográfica).
Rexístrate como: