Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Scewo.

Scewo, a cadeira de rodas do século XXI que pode subir e baixar escaleiras

Versión para impresiónSend by email
Santiago de Compostela, 31/03/17 (10:34)
  • Scewo é unha cadeira de rodas que emprega a innovación tecnolóxica para diferenciarse dos modelos tradicionais e dotar de maior independencia e mobilidade ao seu usuario, xa que é capaz de moverse como un Segwey, sortear obstáculos e subir e baixar escaleiras

 

Dous anos despois de que os seus creadores presentasen o seu primeiro prototipo, o deseño de Scewo xa está terminado. A cadeira de rodas do futuro chegou ata o presente presentando un funcionamento rupturista e moitas prestacións engadidas con respecto ás súas análogas convencionais.

Esta pode apoiarse e moverse sobre dúas rodas coma se se tratase dun Segway e ademais, pode subir e baixar escaleiras sen necesidade de asistencia grazas á súa oruga incorporada. Ademais, conta con diversos modos de condución adaptados ás diferentes circunstancias e superficies.

Os responsables da súa creación son un grupo de mozos estudantes da Escola Politécnica Federal de Zúric, que declaraban que o seu principal obxectivo foi usar “a nova tecnoloxía e un deseño estético para desenvolver unha cadeira de rodas desde cero”. Aínda que o primeiro prototipo está plenamente desenvolvido, atópanse buscando financiamento para que Scewo poida converterse en realidade e constituír unha solución a gran escala.

Os creadores subliñaron que se conseguen recadar máis fondos -neste momento forman parte da plataforma de financiamento Patreon-, contratarán a máis estudantes para acelerar o proceso, posto que as súas previsións pasan por comezar a producir estes modelos de cadeiras de rodas a partir de finais do 2018. 

Algunhas das características básicas desta cadeira de rodas tecnolóxica, que exhibe un deseño elegante e minimalista, son a superación de obstáculos propiciada polas súas grandes rodas e a súa estrutura compacta para manobrar con facilidade, o seu modo de condución de equilibrio automático para permitir unha condución dinámica, o seu modo seguro para subir ou baixar, así como manobrar cara adiante e cara atrás ou o seu modo track, para desprazarse por superficies esvaradías ou pendentes pronunciadas.

Unha das novidades máis salientables desta cadeira é a súa capacidade para subir e baixar escaleiras de forma segura e suave apertando un botón. Tamén ten incorporado un sistema de iluminación dianteiro e traseiro. 

Os seus creadores apostaron por ela desde o comezo da idea. “Durante os nosos estudos de licenciatura construímos o primeiro prototipo (Scalevo) da cadeira de rodas. Eramos un grupo de 10 persoas. Foi unha grande experiencia e recibimos comentarios moi bos. Por iso que decidimos continuar con este proxecto e deseñar unha nova cadeira de rodas que poida ser levada ao mercado”, apuntan.

Tema: Xeral
Fonte: TIC Beat
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal