Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Sinatura do acordo.

A Fundación TIC inmortalizará nas redes os xeitos de vivir e traballar d@s galega@s do rural

Versión para impresiónSend by email
Guitiriz, 30/03/17 (11:56)

A Fundación TIC (Deputación de Lugo) anunciou hoxe que vai colaborar a fondo coa Universidade Rural Galega para reivindicar, visualizar e pór en valor a Galicia non urbana, cerna do país e, malia a súa importancia histórica no social e no económico, hoxe en día en risco de declive e despoboamento. Esta aposta pola recuperación das tradicións do noso rural, que terá unha vertente marcadamente tecnolóxico-dixital, materializarase a través do convenio de colaboración asinado este mércores polo patrón da TIC, e Deputado de Relacións Institucionais, Álvaro Santos, e o presidente da URG, Alfonso Blanco Torrado, nun acto celebrado na Casa Habanera de Guitiriz, no que tamén participou a alcaldesa da localidade chairega, Regina Polín.

O patrón da TIC sinalou que “o mundo rural é o piar fundamental da nosa esencia como pobo e debemos traballar entre todos para recuperalo, conservalo e xerar iniciativas innovadoras que asenten poboación”. Para impulsar estes obxectivos, a Fundación gravará entrevistas por toda a provincia a persoas que traballan e viven no rural e, xunto coa Universidade, logo de editalas, publicaranse nas webs da Fundación TIC e das asociacións que integran a Universidade Rural Galega. “Queremos contribuír, deste xeito, a facer visible o labor que están a desenvolver e servir de altofalante a través de produtos audiovisuais”, engadiu Santos.

Lembrar que a URG está composta por unha trintena de asociacións de toda Galicia, aínda que a gran maioría son da provincia de Lugo, onde abrollou a iniciativa. Estas entidades teñen o nexo común da preocupación polo declive que experimenta na actualidade a cultura rural galega, malia as súas importantes contribucións ao presente da nosa terra tal e como a coñecemos. Ademais, teñen en común a súa aposta pola recollida, coidado e preservación de todo patrimonio etnográfico galego e polo desenvolvemento de proxectos reais e innovadores para manter no futuro un mundo rural vivo.

Segundo lembraron hoxe os seus impulsores, a Universidade divide as súas actividades na busca de habitantes do rural distribuídos en tres apartados: Os Sabedores da Cultura, Conservación e Recuperación da Cultura e Proxectos de Desenvolvemento.

Ademais, a URG conta cun fondo documental bibliográfico no que se recollen recursos espallados por domicilios privados e asociacións, entre eles, todo tipo de libros, documentos, soportes musicais, cartafoles de traballo ou bosquexos que non se atopan nas bibliotecas ou na Internet.

Tema: Xeral
Fonte: Código Cero
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal