Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Cartel Get Online Week 2017.

Formación e emprendemento xuvenil accións principais da Get Online Week en España

Versión para impresiónSend by email
Santiago de Compostela, 28/03/17 (10:11)

A campaña Get Online Week (http://getonlineweek.eu), evento anual que chega á súa novena edición e que está coordinado pola Asociación Europea de Telecentros no que participan 19 países europeos e que superou os 800.000 participantes, celébrase por sexto ano en España da man da Asociación de Telecentros, a cal programou unha serie de actividades nos máis de 3000 telecentros que forman a súa rede. As datas da Campaña son do 27 de marzo ao 2 de abril.

Esta edición que en España arrincou a semana pasada en Murcia, co décimo sexto encontro anual de redes, continua esta semana con varias accións planificadas desde as redes que forman a asociación, enfocadas principalmente á necesidade de poñer en valor o uso práctico das TIC, así como pola difusión, información e sensibilización ao redor das competencias dixitais da cidadanía como elemento catalizador dos devanditos valores,

'Procura de emprego na internet e redes sociais', 'Apps móbiles para a procura activa de emprego' ou 'Aprende a crear un currículo online creativo e diferénciate da competencia' son algúns dos obradoiros que se impartirán no Programa CyL Digital. Os seminarios e obradoiros están orientados a persoas desempregadas e traballadoras que desexen mellorar as súas habilidades e capacitación dixital en busca de novas oportunidades profesionais.

O Plan de Alfabetización Tecnolóxica organiza tres grandes actividades: por unha banda, Obradoiros sobre tendencias, novidades e usos prácticos das TIC, cunha duración variable entre 4 e 8 horas e dirixidos a cidadáns con competencias dixitais básicas e con temas como o comercio electrónico, banca on-line, pagos a través do móbil, utilidade dos datos públicos ou as aplicacións móbiles máis versátiles; e doutra banda, Conexións e debate con Expertos con dúas temáticas, ciberseguridade e empregos tecnolóxicos.

Por último, as xornadas “Aprender a emprender” sobre recursos para o emprendemento xove, que se celebrarán o xoves 30 de marzo en Navalmoral de la Mata, coas que se darán a coñecer os instrumentos que as organizacións poñen a disposición de todos aqueles que teñen no emprendemento unha vía para desenvolverse profesionalmente.

En Navarra, a Fundación Dédalo, arrinca cun Workshop “Proxecto EIBI: Incubadora europea de ideas de negocio”. Moitas persoas están a reformularse o seu futuro e ven no autoemprego ou na creación da súa propia empresa a súa única saída laboral. Esta actividade está enfocada a identificar persoas con ganas de emprender para a súa participación nunha formación semipresencial que lles permita pasar da idea ao negocio, continua cun Webinar: Ciberseguridade en familia “Ti conduces na internet” e o Obradoiro práctico “Tudela, unha cidade tecnolóxica.

Polo seu lado, en Andalucía os axentes de Innovación Local da Rede Guadalinfo, están inmersos nun programa de formación en competencias dixitais especificamente deseñado á medida das súas funcións nos centros, e entre outros, desenvolveranse os seguintes obradoiros: Seguindo as túas pegadas na internet: identidade dixital e protección de datos persoais”, “HTML: a linguaxe da internet”, e “Dereitos de autor e propiedade intelectual na internet”

A Deputación de Burgos planificou a realización na súa rede de 20 “Cursos formativos no uso de tablets e dispositivos móbiles”, co obxectivo de difundir o uso dos dispositivos táctiles na contorna rural para poder sacarlles o máximo partido e integralos na nosa vida diaria. Na impartición séguese unha metodoloxía baseada na aprendizaxe por descubrimento, tipo obradoiro, buscando a participación dos asistentes, aos cales se lles facilita un tablet-pc por persoa para realizar prácticas durante o curso, que ten unha duración de 10 horas

En Galicia, a Rede CeMIT facilita a Certificación de Competencias Dixitais en Ofimática CODIX, achegando os recursos necesarios para a capacitación da cidadanía. Poderase realizar en distintas modalidades (formación presencial, teleformación e autoformación). Ademais, durante esta semana realizarán obradoiros para que os maiores aprendan a usar os smartphones e as tablets, actividade realizada en colaboración coa Fundación Vodafone e un  “Banco de Tempo” que permitirá intercambiar e compartir horas de formación avanzada entre as aulas da Rede CeMIT que formen parte deste proxecto. No ámbito da innovación social dixital, durante esta semana as aulas da Rede CeMIT poderán presentar a súa proposta de proxecto para participar na iniciativa CeMIT-Innova, onde se traballará na resolución de retos sociais a través das novas tecnoloxías e se crearán espazos colaborativos e de participación para contribuír ao proceso de innovación social dixital.

Finalmente, a Fundación Esplai organiza un curso online sobre emprendemento ofrecido por Cisco NetAcad. Este curso non tutorizado require unha dedicación aproximada de 15 horas que a persoa pode seguir ao seu propio ritmo. O curso estará dispoñible durante 15 días e aquelas persoas que o superen recibirán un certificado dixital de aproveitamento emitido pola plataforma de Cisco.

Para o seguimento e participación en todas as accións, a Asociación de Telecentros creou un microsite, http://gowes.competenciasdigitales.com e a etiqueta #gow17es.

Tema: Xeral
Fonte: Asociación Comunidad Redes de Telecentros
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal