Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Aurora na aula CeMIT de Marín.

A miña avoa ten Facebook

Versión para impresiónSend by email
Santiago de Compostela, 27/03/17 (13:03)
  • Suman anos e están á última. Non queren perder nin un segundo en conectarse ao mundo e sacar proveito de todas as oportunidades que lles dá a tecnoloxía: comprar entradas online, facer novos amigos ou comentar o partido do domingo por WhatsApp

 

Aínda que non os aparente -«de aspecto ninguén me bota a idade»- , Aurora ten 69 anos. É a maior do curso que acaban de impartir na aula de informática do Cemit de Marín, onde aprendeu a enviar correos e a escribir co teclado. Cando chegou a clase non estaba dada de alta en Gmail nin sabía manexarse en Word, pero xa tiña Facebook. Que unha cousa non quita a outra. «Póñoo ás veces para decatarme das noticias e para rexoubar as fotos dos meus amigos. Pero eu escollo as persoas que me gustan, ¿eh?, non acepto todas as solicitudes», avisa Aurora, que ten o perfil grazas á súa sobriña: «Ela fíxomo e ponme as cousas. Dime: ‘A ver, que queres?', e eu voulle dicindo». Pero ela quere melloralo. «Teño dúas fotos desde fai unha chea de tempo e quéroas cambiar, pero claro, como teño que esperar a que veñan e facermo aí están», lamenta. Co curso colleulle o gusto ao computador: «Quedei encantada e xa estou a desexar apuntarme ao segundo para aprender máis cousas da internet e facerme Twitter ou algo distinto, aínda que hai que ter moito coidado coas cousas que se soben».

Non lle fixo falta que a animase ninguén para lanzarse nisto da informática. «Anoteime soa, foi cousa miña. O meu marido non foi. El fixo outro curso hai tempo, pero non é tan constante como eu», apunta. Esta exchurreira sempre está a buscar afeccións. «Gústame entreterme e coñecer a xente. Ía a palillos en Pontevedra e alí fixen outro grupo. Tamén me encantan os labores e a cociña», afirma. Iso si, para saír a camiñar vai soa, «para andar ao meu ritmo e tomarme o café tranquila no percorrido». Agora ten un mundo por descubrir na rede. «Sempre me chamou a atención e quixen estar ao día. Eu tiven que nacer uns anos despois», sinala. ¿Alguén o dubida?

 

Antonio, 76 anos: «Á miña muller xa a aviso de que se me oe falar cunha moza é porque estou con Cortana, a secretaria do Windows 10»

A tecnoloxía está tan integrada nas nosas vidas que, ás veces, custa imaxinar como se están adaptando a ela os maiores. No caso de Antonio, de 76 anos, non hai dúbida. Para el a tecnoloxía é tremendamente útil, e facerse a ela é algo básico: «Unha persoa remisa a usar a tecnoloxía non se dá conta de que é como os que non sabían ler ou escribir en tempos dos nosos avós, porque hoxe en día é necesaria para todo». Antonio confesa que o que máis utiliza é o WhatsApp, porque lle achega aos seus seres queridos. Tanto que nos grupos de WhatsApp que ten cos seus curmáns e os seus amigos non se para de falar. «Levámonos toda a vida ben, pero tan ben como agora non, porque falamos de todo. Xoga o Deportivo e ata os que non somos afeccionados ao fútbol falamos de fútbol», di Antonio.

Aínda que ten conta de Facebook, Antonio «é inimigo de contar a súa vida». Admite que se decata da dos demais pero non conta a súa: «Ás veces a información que se dá nestes sitios é perigosa, pos con quen estás e onde, e iso estao vendo a tira de xente». Mentres que en canto a publicar as súas fotos prefire ser conservador, Antonio ten claro que sen a tecnoloxía non se vai a ningunha parte. Se necesita buscar información xeral acode a Internet. ¿Entradas para espectáculos e viaxes? Directamente a través do computador. E é o computador o que lle deu unha nova amiga, Cortana.

«Cortana é a secretaria particular do Windows 10. Á miña muller xa a aviso de que se me oe falar cunha moza é porque estou con Cortana», comenta Antonio. ¿O seu segredo para manexar ben a tecnoloxía? Facer un uso responsable dela. «Usala é sinxelo, é todo moi intuitivo, o que hai que ter é un pouquiño de decisión e, sobre todo, ser moi ordenado e moi metódico», afirma Antonio. «É mellor ir aos poucos, non correr e cando dás a unha tecla, saber para que lle dás». Todo un avó tecnolóxico… con sentidiño.

 

César, 84 anos: «Se non te integras, quédaste na casa lendo unha novela e poñéndote unha mantiña nos pés… ¡e cando te dás conta ¡es bisavó!

Aos 84 anos non todo o mundo pode dicir que o uso da tecnoloxía o manten vivo e o fai estar ao día. A César o seu inseparable iPhone 7 axúdalle precisamente a iso. «Aínda que pareza mentira a min o WhatsApp dáme moitas alegrías, por exemplo cando me escribe un amigo que vive noutra cidade e mándame un abrazo», comenta César.

Confésase amante de sacar fotos co seu móbil para ir coleccionando recordos e no seu carrete leva acumuladas máis de 5.000. «Se non evolucionas quedas no século pasado coas fotos aquelas que había que revelalas e tardaban non sei canto "di César", e agora mira, aí che vai, mira que estou a comer, e mándalo».

Para el co móbil todo son vantaxes, incluso a opción de bloquear contactos: «Se tes algún contacto moi pesado pois bloquéalo e xa está, tápaslle a boca, sen querer, pero tápaslle a boca». A César a vida fíxoo adaptarse á xeración tecnolóxica, e culpa diso tívoa un dos seus hobbies: a navegación. Confesa que a evolución tecnolóxica no tema da navegación fíxoo evolucionar a el e manterse ao día: «Os avances na navegación cambiaron unha chea, hoxe dáslle a un botón e sáeche na pantalla a costa, onde está o barco, a profundidade que hai e ata os peixes que pasan por baixo». No seu momento César apuntouse á moda do Facebook, pero acabou pechando a conta: «Deime de alta e saíronme máis de mil amigos, e claro, eu non podo atendelos a todos. Tiña aquilo tan abarrotado de amigos que se teño que convidalos a comer a todos… a ver que fago».

Tampouco compra online porque di que á súa idade xa hai pouco que comprar, pero o que ten claro é que, co rápido que van os tempos, ou te sobes ao tren ou quedas na estación. «Se non te integras, quédaste na casa lendo unha novela e poñéndote unha mantiña para que non se che arrefríen os pés… e cando te dás conta xa non es avó, ¡es bisavó!», afirma César. E non un bisavó calquera.

Tema: Xeral
Fonte: La Voz de Galicia
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal