Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Logo CeMIT-Innova.

A Amtega abre a convocatoria do programa de innovación social dixital CeMIT-Innova

Versión para impresiónSend by email
Santiago de Compostela, 27/03/17 (09:52)
  • As aulas CeMIT interesadas en participar poden presentar as súas iniciativas ata o 31 de marzo
  • En abril coñeceranse os 10 novos proxectos de innovación que se desenvolverán ao longo do ano
  • A novidade deste ano é que todos os seleccionados optarán ao Premio Son Dixital
  • CeMIT-Innova, promovido pola Amtega dentro do Plan de Inclusión Dixital de Galicia 2020, impulsa proxectos colaborativos de base tecnolóxica a través da Rede de aulas CeMIT

 

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) anunciou hoxe a apertura da convocatoria do Programa de innovación social dixital CeMIT-Innova, que se pechará o 31 de marzo. Os detalles da convocatoria déronse a coñecer durante o obradoiro práctico sobre Metodoloxías participativas aplicadas ao deseño de proxectos, enmarcado no Programa.

A participación nesta xornada, á que asistiron máis de 60 axentes das aulas CeMIT, é un requisito imprescindible para presentar candidatura como proxecto innovador no Programa CeMIT-Innova 2017.

 

Prazos convocatoria do programa CeMIT-Innova 2017

O período de inscrición na terceira edición do CeMIT-Innova remata o 31 de marzo e o 10 de abril daranse a coñecer os 10 proxectos innovadores seleccionados, que pasarán a executarse ao longo do ano 2017.

A inscrición poderá realizarse a través da web de CeMIT, na que están publicados os criterios que se terán en conta á hora de seleccionar as aulas CeMIT-Innova 2017 e o  Formulario de participación no proxecto.

A novidade desta terceira edición CeMIT-Innova é que todos os proxectos formarán parte do I Concurso de Innovación Social Dixital e poderán optar ao Premio Son Dixital á mellor iniciativa dixital, cunha mención especial de recoñecemento ao labor do voluntariado que participa nestes proxectos innovadores. O gañador, elixido no último trimestre do ano, optará a un premio tecnolóxico doado por entidades galegas patrocinadoras, que quixeron sumarse a esta iniciativa.

 

A Rede CeMIT

A Rede CeMIT (Rede de Centros para a Modernización e a Inclusión Tecnolóxica), impulsada pola Amtega, está integrada por 98 aulas, presentes en 92 municipios e 53 comarcas. O seu obxectivo é promover o uso das novas tecnoloxías entre a poboación, con especial atención aos colectivos máis afectados pola fenda dixital, fomentar a formación dixital entre os profesionais galegos e mostrar, a pemes e micropemes as vantaxes da sociedade da información.

 

Tema: Xeral
Fonte: AMTEGA
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal