Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Participantes do proxecto Pontedeume en 1.000 historias. Imaxe: DIEGO GÓMEZ.

Veciñas aprenden a historia de Pontedeume en inglés

Versión para impresiónSend by email
Pontedeume, 13/03/17 (14:01)
  • A Xunta recoñece o traballo da aula CeMIT, que forma a mulleres de ao redor de 70 anos con recursos dixitais

 

O proxecto Pontedeume en 1.000 historias, impulsado polo Concello eumés a través da aula CeMIT, e o resto de actividades mereceron o recoñecemento da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia como aula de referencia, polo que recibirá unha subvención de 15.000 euros.

A edila de Cultura, Yolanda Vázquez, presentou esta iniciativa na Cidade da Cultura de Santiago, dentro do terceiro encontro do programa CeMIT-Innova. «Consiste en dar clases de inglés, usando como fío condutor a historia local da vila e os seus edificios históricos máis emblemáticos, usando os recursos da aula, como os dicionarios en liña ou vídeos en versión orixinal, achegando ás participantes [todas mulleres] ás novas tecnoloxías», explica.

Maricarmen Sainz é unha das alumnas que acompañaron á edila, que imparte estas sesións. «Empezamos en novembro do ano pasado, sempre dixera que a miña materia pendente era aprender inglés e agora o Concello deume a oportunidade», agradece. Ela e as súas compañeiras queren adquirir nocións básicas para entenderse cos peregrinos que recalan na vila e poder indicarlles onde comer ou que ver, «cousas prácticas, útiles para a vida cotiá». Co móbil manéxase sen problema e sempre que oe unha palabra descoñecida en inglés na televisión apresúrase en buscar o significado.. «Axúdanos a reter a memoria -destaca- e estamos encantadas coa mestra, que se involucrou moito». 

Tema: Xeral
Fonte: La Voz de Galicia
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal