Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Presentación de TeloReciclo.

Nace TeloReciclo, unha iniciativa que impulsa a reciclaxe de móbiles e o emprego de persoas con discapacidade intelectual

Versión para impresiónSend by email
Almería, 06/03/17 (09:22)
  • O equipo de traballadores de TeloReciclo recollerá os móbiles directamente a domicilio por toda a cidade e en diferentes campañas e eventos públicos, comeza en Almería, promovida por Orange, A Toda Vela e Koiki, colaborando Recyclia.

O Museo da Guitarra de Almería acolleu o lanzamento de TeloReciclo , unha iniciativa grazas á cal varias persoas con discapacidade intelectual recollerán por toda a cidade teléfonos móbiles en desuso, co fin de fomentar a reciclaxe destes dispositivos. O proxecto, promovido por Orange, xunto coa asociación de persoas con discapacidade intelectual A Toda Vela, a empresa ecosocial de mensaxería Koiki e a colaboración de Recyclia, pretende dar o fin máis social posible aos millóns de teléfonos e dispositivos móbiles que existen en España gardados nos caixóns das casas.

TeloReciclo nace en Almería coa previsión de ir estendéndose a outras cidades e ten varios obxectivos, entre eles, por unha banda, aumentar o número de teléfonos móbiles reciclados e concienciar sobre os beneficios que esta acción ten para o medio ambiente. En España hai máis de 50 millóns de dispositivos móbiles, dos que, segundo un informe de Sheffield Hall University, un 44% acaba, ao cabo dun tempo, gardado nun caixón. Estes dispositivos tan cotiáns son coñecidos como “minas urbanas”, pois integran elementos altamente contaminantes, como o litio das baterías ou o coltán e, por tanto, a súa reciclaxe convértese nunha necesidade urxente e unha prioridade para o medioambiente. Máis do 90% dos compoñentes dun móbil son reutilizables e, ademais, esta actividade de reciclaxe de móbiles crea emprego: estímase que por cada 12.000 móbiles recollidos, créase un posto de traballo para unha persoa desempregada.

Doutra banda, TeloReciclo ofrece un emprego de proximidade a persoas con discapacidade intelectual, como no caso das oito persoas de A Toda Vela, quen se encargará de recoller os móbiles na cidade, e posteriormente tamén noutras localidades da provincia. Estas persoas recibiron unha formación sobre a reciclaxe e o impacto da reciclaxe de móbiles no medioambiente, así como acerca da protección e salvagarda dos datos e información confidencial dos datos almacenados no terminal, o uso de dispositivo móbil como ferramenta de traballo, o proceso de recollida e o destino final dos móbiles reciclados e calquera outro tipo de información que o cidadán necesite saber á hora de entregar o seu dispositivo.

A recollida de móbiles pódese facer por varias vías: os traballadores farán visitas a domicilio para recoller terminais por toda a cidade, e tamén levarán a cabo campañas ou eventos específicos en diferentes puntos de Almería, comezando, por exemplo, estes días 2 e 3 de marzo na Feira Aula Empresa do Colexio La Salle Virxe do Mar. Ademais, calquera cidadán de Almería pode solicitar a recollida no seu domicilio a través da Web de TeloReciclo, e tamén se poden entregar en calquera tenda Orange.

Coa entrega dos vellos terminais aos traballadores de TeloReciclo, os cidadáns estarán a contribuír a un triplo beneficio: xerar postos de traballo na súa localidade, participar na inclusión de persoas con discapacidade intelectual no mundo laboral e colaborar a manter unha contorna máis sustentable grazas á reciclaxe.

En palabras de Rocío Miranda de Larra, directora de Responsabilidade Social e Sustentabilidade de Orange España, “con TeloReciclo propoñémonos un reto moi concreto en Almería: o de recoller 10.000 móbiles nun ano en toda a provincia, sumando os esforzos do equipo de promoción, as tendas de Orange e a nosa páxina web”.

Ver o vídeo promocional en YouTube de TeloReciclo, o fin máis social para o teu móbil.

Máis información na Web Oficial de TeloReciclo.

Tema: Xeral
Fonte: discapnet
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal