Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Cartel do evento

LEGALTHINKING: Reflexións legais sobre tecnoloxía, intelixencia artificial e robótica.

Versión para impresiónSend by email
A Coruña, 01/03/17 (08:26)

O 17 de marzo de 2017, na Facultade de Dereito da Universidade da Coruña, terá lugar o primeiro Legalthinking.

Que é Legalthinking? Trátase dunha xornada innovadora dedicada a analizar as conexións existentes entre o Dereito e a tecnoloxía, e a explorar os seus límites a través das reflexións de varios profesionais. A desinformación sobre as implicacións legais do mundo 2.0 nas nosas vidas, persoais e profesionais, supón un risco que debemos poder controlar. 

Dende #Legalthinking pensamos que coñecer estas cuestións nunha sociedade hiperconectada, como a que agarda por nós no futuro, pode axudarnos a tomar decisións como sociedade responsábel, e nesta primeira xornada queda materializada a nosa contribución. 

O primeiro bloque estará centrado no Dereito do futuro. Intervirán os creadores de NoLegalTech falando das imprescindíbeis Apps e das condicións que as grandes plataformas teñen para a súa comercialización. Aquí analizaremos e contestaremos ás dúbidas que sempre xorden entre creadores e usuarios. A continuación Hugo Pastoriza encargarase da regulación dos eSports e dos retos que se presentan neste novo xeito de competir, que veu collendo pulo entre os internautas nos últimos tempos. Analizaremos tamén os límites da patria potestade e dos dereitos de imaxe dos menores, no eido da privacidade, con Alicia Piña, de ALIGALE, e antes da pausa botaremos un ollo á tecnoloxía Blockchain e á creación de smart contracts da man de Iago Otero, que segundo as súas propias palabras nin son smart nin son contracts, pero si as ferramentas do futuro para a automatización de determinados servizos. 

Continuamos con Xoán González explicando os sistemas de recoñecemento biométrico e sinatura electrónica, que foi converténdose nalgo relevante nas nosas relacións comerciais e sobre todo administrativas, dende a súa implantación nos organismos públicos. Luís Jurado fará un repaso sobre o tratamento de bugs e exploits neste ano de vixencia da nova LACRIM e remataremos con José María Lozoya comentando a recente sentenza contra Cesar Strawberry e os límites da liberdade de expresión nas redes sociais. 

No segundo bloque sentaremos ós nosos expertos en Robótica e Intelixencia Artificial. André Castelo centrará a súa intervención na regulación para o uso de drons, mentres que Victor Salgado ofrecerá unha retrospectiva sobre os Dereitos Humanos ante o avance da intelixencia artificial. Remataremos coas reflexións de Miguel Vieito sobre responsabilidade e “robética”, tentando contestar á pregunta que centra o debate: chegarán as máquinas algún día a ser responsábeis dos seus actos? 

A asistencia será gratuíta, ata completar capacidade. Máis información sobre o evento: http://legalthinking.org

Tema: Xeral
Fonte: Legalthinking
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal