Hai dez meses botaba a andar o Centro do Coñecemento de La Molinera de Ourense, "un elemento dinamizador e promotor da creatividade, tanto desde o punto de vista persoal como profesional" e unha "xanela aberta á innovación, creatividade e incorporación das novas tecnoloxías", segundo palabras do alcalde de Ourense, Jesús Vázquez. Proba disto é que neste mes de febreiro La Molinera achegará obradoiros de robótica para nenas e nenos, formación en comunicación dixital para mozas e orientación para as persoas interesadas en montar unha empresa dixital.
Máis polo miúdo, as actividades programadas en La Molinera consistirán nun Networking Startup, que converterá á cidade en punto de encontro entre a mocidade, administracións, empresas e universidade; e a xornada Novas canles de empregabilidade, na que se abranguerán temas como a marca persoal e a vídeo presentación persoal.
Asemade, este espazo adicado ás novas tecnoloxías que é La Molinera quere abrir novos vieiros de traballo para a mocidade, e nesta liña insírese o programa Xoves inspiradores. Así, ao abeiro deste ciclo, os días 9 e 23 de febreiro haberá un obradoiro de argumentación e debate; mentres que o 16 de febreiro realizarase outro obradoiro de redes sociais.
En canto aos máis novos, están previstos os obradoiros: Team makers kids, adicado á robótica, programación e proxectos dixitais; e o obradoiro educacional Arquimakers-kids.
Alén disto, La Molinera abre o prazo para os cursos da aula CeMIT (que neste mes de febreiro estará centrada nos obradoiros de Deseño e Impresión 3D) e para a creación dunha tenda a través de Internet. Aproveitando a presentación dos cursos que se celebrarán en febreiro, este martes o alcalde de Ourense facía fincapé na participación de La Molinera na Semana Europea do Emprendemento, unha actividade que se realiza en máis de 40 países (do 6 ao 10 de febreiro), sendo Ourense e Pontevedra "as únicas cidades galegas" que participan neste foro.
Rexístrate como: