Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Cartel de Conectadas 2017.

Conectadas volverá facer fincapé este ano na loita contra a fenda dixital de xénero

Versión para impresiónSend by email
Pontevedra, 10/02/17 (09:49)

Coincidindo significativamente coa celebración esta semana (o 11 de febreiro) do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, un evento mundial para lembrarnos os nomes concretos das grandes investigadoras da historia (amais de para espertar vocacións e tirar barreiras de xénero), a Deputación de Pontevedra vén de presentar a edición 2017 do seu programa Conectadas, unha iniciativa impulsada polo departamento de Igualdade e que ten como obxectivo mellorar a formación das mulleres, a súa empregabilidade e as súas posibilidades de botar abaixo atrancos de desigualdade. Conectadas 2017, informa a Deputación, está xa aberto ás asociacións, federacións e fundacións sen ánimo de lucro que teñan como obxectivo e ámbito de actuación a promoción das mulleres (poderán presentar as súas solicitudes até 9 de marzo). Un dos obxectivos básicos de Conectadas, como lembraremos, é facer que caian, un por un, os atrancos que separan ás mulleres das ferramentas en liña. A chamada fenda dixital de xénero.

Ademais, búscase favorecer as relacións interpersoais e o intercambio de experiencias; contribuír a mellorar a empregabilidade e o mantemento no mercado de traballo; e superar os malestares das mulleres derivados da desigualdade de xénero, impulsando accións formativas que incorporen os principios de igualdade, corresponsabilidade e conciliación da vida persoal, laboral e familiar. A Deputación de Pontevedra achega neste exercicio a cantidade de 324.000 euros, un orzamento un 1% maior có de 2016. A oferta inicial de cursos é de 270 (en 2016 ofertáronse inicialmente 267), puidéndose incrementar segundo o prezo definitivo da empresa adxudicataria do proxecto. As accións formativas de Conectadas 2017 suman un total de 47 obradoiros distribuídos entre oito bloques temáticos: Muller emprende (emprendemento), Muller e cultura (adicado ás artes visuais), Actualízate (alfabetización dixital), Coas túas mans (traballos manuais), Porque ti o fas(xardinería e ornamentación floral), Súmate ao cambio (cociña, costura, coidados e dependencia, corresponsabilidade, reciclaxe, bricolaxe…), Ponte en forma (deportes) e Coidados persoais.

A Deputación de Pontevedra volve pór en marcha este proxecto ao considerar que “a formación é un instrumento imprescindible á hora de acadar unha igualdade real”.

Tema: Xeral
Fonte: Código Cero
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal