Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Jesús Hernández-Galán e Marianne Thyssen.

A UE destaca o labor da Fundación ONCE na promoción da accesibilidade

Versión para impresiónSend by email
Bruselas, 09/02/17 (10:25)
  • A entidade participa en Bruxelas no 'Taller sobre Accesibilidade de Produtos e Servizos' con medio centenar de innovacións

 

A comisaria europea de Emprego, Marianne Thyssen, resaltou o labor que está a desenvolver a Fundación ONCE na promoción da accesibilidade. A responsable comunitaria realizou estas declaracións en Bruxelas no marco do 'Obradoiro sobre Accesibilidade de Produtos e Servizos', organizado pola Comisión Europea.
 
O evento, que conclúe este venres, ten como obxectivo analizar o estado da lexislación, as políticas e os produtos e servizos de accesibilidade nos ámbitos cubertos pola actual proposta de Lei Europea de Accesibilidade.
 
A comisaria puxo de manifesto que en 2020 na Unión Europea haberá preto de 120 millóns de persoas con discapacidade.  Ademais, asegurou que o 30 por cento das persoas con discapacidade europeas están en risco de pobreza ou exclusión social, unha porcentaxe superior ao das persoas sen discapacidade.
 
Ao 'Obradioro sobre Accesibilidade de Produtos e Servizos' trasladouse un equipo de profesionais da Fundación ONCE, entre os que figura Jesús Hernández, director de Accesibilidade Universal e Innovación, para levar á cidade belga preto de medio cento de innovacións, moitas delas expostas xa na 'Casa Intelixente, Accesible e Sustentable' que percorreu España o pasado ano.
 
Deseño para todos
Segundo Hernández, "o deseño para todos no desenvolvemento de produtos e servizos dunha forma integral non só beneficia ao colectivo das persoas con discapacidade, senón á sociedade na súa totalidade". "O ano pasado", subliñou, "mostramos a toda a sociedade española que a accesibilidade non está rifada co deseño, senón todo o contrario".
 
Durante tres meses os cidadáns de 15 cidades españolas puideron coñecer de primeira man produtos que están actualmente no mercado e que foron concibidos baixo o epígrafe de 'deseño para todos'. "A accesibilidade non restrinxe mercados, senón que os amplía", sostivo Hernández.
 
Ademais, o responsable da Fundación ONCE engadiu que é necesario o desenvolvemento dunha Directiva Europea de Accesibilidade que harmonice as diferentes normativas estatais ás que deben facer fronte as distintas industrias.
 
Entre as solucións innovadoras que se expoñen no obradoiro figuran as balizas Beepcons, desenvolvidas por ILUNION e grazas ás cales as persoas cegas poden guiarse en grandes espazos, como centros comerciais, mediante unha aplicación no teléfono.
 
Ademais, expóñense varias tabletas Samsung configuradas con diferentes solucións de accesibilidade desde as opcións nativas dos dispositivos. Tamén da mesma marca móstrase un televisor intelixente con mando para control por voz e cámara para control por xestos.
 
Fundación ONCE levou igualmente a Bruxelas unha alfombrilla detectora de presión, con conexión a altofalante e luz para a súa demostración, cubertos ergonómicos ou elementos tan cotiáns como unha balanza de cociña ou un reloxo espertador parlante. Así mesmo, móstranse na capital comunitaria unha serie de maquetas creadas con impresión 3D, coa aplicación 'MAPTAC3D' do Cidat da ONCE.
Tema: Xeral
Fonte: Fundación ONCE
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal