Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Día Internacional da Internet Segura.

Educación e o CPEIG convocan o primeiro certame literario infantil sobre protección de datos

Versión para impresiónSend by email
Santiago de Compostela, 08/02/17 (14:24)

Onte, 7 de febreiro, celebrouse unha data que nos colle de preto, o Día Internacional da Internet Segura (Safer Internet Day), e o noso Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) non quere deixar pasar a ocasión para lembrarnos a importancia de lograr as condicións máis axeitadas para que as novas xeración lles tiren o mellor proveito posible ás novas tecnoloxías da información. E faino lanzando a primeira convocatoria, xunto coa Consellería de Cultura e Educación, do Concurso Literario Infantil sobre Protección de Datos. O certame vai dirixido a rapazas e rapaces de 1º a 4º de ESO, ambos cursos inclusive, estudantes en centros escolares sostidos con fondos públicos de Galicia. O prazo para participar remata ás 15.00 horas do 28 de febreiro.
O obxectivo final do concurso é “contribuír a que a sociedade galega tome conciencia da necesidade de incorporarse á cultura da protección de datos, nomeadamente os menores de idade”. Tanto a Xunta coma o CPEIG consideran que “cómpre promover o coñecemento entre a cidadanía sobre cales son os seus dereitos e responsabilidades en materia de protección de datos”.

Dentro dos requisitos da convocatoria, amais de estar cursando os estudos devanditos, o xénero literario será o artigo xornalístico, exposición divulgativa (entrada de blog ou artigo de divulgación), conto ou relato curto. Como liñas condutoras destes traballos pódense considerar as seguintes, sen ficaren limitadas:

  • Que é para ti a protección de datos?
  • Como afecta a protección de datos no teu día a día?
  • Protexe os teus datos, protexe a túa privacidade.
  • Que acontecería se houbese protección de datos no conto da Carapuchiña Vermella?
  • Protexer os datos nas redes sociais, é importante?
  • Como protexes os teus datos?

Segundo informa o CPEIG, o referente será o Protocolo de Protección de Datos da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria (educonvives.gal) e as publicacións da Axencia Española de Protección de Datos.
 

Galardóns
Ao abeiro deste certame, entregaranse dous premios: un para a categoría 1º e 2º de ESO e outro para a categoría 3º e 4ºde ESO: tableta para o autor ou autora e un kit de robótica para a súa aula. Asemade, aquel centro que conte con maior participación recibirá un recoñecemento especial da organización.

Tema: Xeral
Fonte: Código Cero
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal