Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Firma do convenio entre COCEMFE e a Fundación Vodafone España.

COCEMFE e a Fundación Vodafone asinan un convenio marco de colaboración

Versión para impresiónSend by email
Santiago de Compostela, 08/02/17 (13:43)
  • Ambas as entidades realizarán actividades conxuntas en materia de accesibilidade e inserción socio-laboral.

A Confederación Española de Persoas con Discapacidade Física e Orgánica (COCEMFE) e Fundación Vodafone España asinaron esta mañá un convenio marco para a realización de actividades conxuntas en materia de accesibilidade e inserción socio-laboral, que redunden en mellorar as condicións de vida das persoas con discapacidade física e orgánica. O acordo foi asinado polo presidente de COCEMFE, Anxo Queiruga, e o director xeral de Fundación Vodafone España, Santiago Moreno.

Ambas as entidades prestarán especial atención ao ámbito da vida independente, vinculado á innovación tecnolóxica a favor da accesibilidade e autonomía da persoa con discapacidade física e orgánica.

COCEMFE e Fundación Vodafone España poderán realizar diferentes accións como o desenvolvemento de proxectos de innovación, aplicacións móbiles e experiencias piloto; accións formativas en novas tecnoloxías dirixidas á mellora da capacitación para a inserción laboral ou a organización de sesións de información-difusión.

“Con este convenio damos continuidade á estreita colaboración que Fundación Vodafone España mantén con COCEMFE para a mellora da calidade de vida das persoas con discapacidade física e orgánica a través do acceso ás tecnoloxías da comunicación e a formación, dous alicerces básicos hoxe en día para mellorar a empregabilidade, e que para o noso colectivo son fundamentais para conseguir unha inclusión total en todos os ámbitos da vida”, destacou Anxo Queiruga, presidente de COCEMFE, durante a firma do acordo.

Na mesma liña, Santiago Moreno, director xeral da Fundación Vodafone España, resaltou “a importancia de ir da man dun aliado como COCEMFE para asegurar que a tecnoloxía se pon directamente ao servizo das necesidades dos usuarios finais, de forma que todo o seu potencial se enfoque plenamente a mellorar o seu día a día. Estamos moi orgullosos de todos os proxectos que viñemos desenvolvendo xuntos e esperamos con esta renovación poder seguir sumando na formación e a innovación en novas tecnoloxías”.

A Confederación Española de Persoas con Discapacidade Física e Orgánica (COCEMFE) é unha Organización non Gobernamental sen ánimo de lucro que se constituíu en 1980. O seu obxectivo é aglutinar, fortalecer, formar e coordinar os esforzos e actividades das entidades que traballan a favor das persoas con discapacidade física e orgánica, para defender os seus dereitos e mellorar a súa calidade de vida. A Entidade congrega a máis de 1.600 organizacións divididas en Confederacións Autonómicas, Entidades Estatais e Federacións Provinciais que á súa vez, agrupan ás diferentes asociacións locais.

A Fundación Vodafone España é unha institución sen ánimo de lucro que contribúe ao impulso da innovación e a utilización das TIC para mellorar a calidade de vida das persoas e, especialmente dos colectivos vulnerables. Desenvolve proxectos de innovación tecnolóxica que facilitan a vida a persoas dependentes, maiores e enfermos crónicos. Promove programas de formación e accesibilidade con diversas Universidades españolas dirixidos á investigación en TIC, á excelencia docente e á integración dos alumnos con discapacidade. Outros obxectivos son a difusión das telecomunicacións na sociedade a través de publicacións, cursos e seminarios.

Tema: Xeral
Fonte: discapnet
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal