Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Logo ProFuturo.

Preséntase o proxecto ProFuturo ante a ONU

Versión para impresiónSend by email
Santiago de Compostela, 07/02/17 (09:52)
  • César Alierta, que foi nomeado o pasado 12 de decembro Asesor Global da ONU para promover a educación dixital, presentou ProFuturo na sede de Nacións Unidas e asegurou unha educación dixital de calidade.

 

Tras o seu recente nomeamento como Asesor Global do Fondo ODS da ONU en Educación Dixital e Desenvolvemento Sustentable, César Alierta visitou este venres 3 de febreiro a sede de Nacións Unidas en Nova York. O directivo e líder do mundo empresarial tecnolóxico, quen ata 2016 foi presidente executivo de Telefónica, asesorará ao Fondo para os Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable da ONU sobre como o uso de tecnoloxías da información pode contribuír a incrementar o acceso á educación para millóns de nenos e nenas. Esta colaboración enmárcase no proxecto ProFuturo, unha iniciativa da Fundación Telefónica e a Fundación Bancaria “La Caixa” que aspira a mellorar a educación de máis de 10 millóns de nenos e nenas en 2020 en África, América Latina e Asia, co obxectivo de reducir a desigualdade no mundo.

A visita coincide coa Comisión de Desenvolvemento Social da ONU, que se reúne esta semana en Nova York, e que está a revisar estratexias para a redución de desigualdades. Nun almorzo con representantes de gobernos, sector privado e Axencias da ONU no Instituto para a Paz Internacional organizado polo Fondo ODS, Alierta explicou precisamente que a educación e a tecnoloxía son unha “panca de transformación e mellora das oportunidades de nenos e nenas en situación de vulnerabilidade”. Lembrou que o 65% de nenos e nenas que inician hoxe a educación primaria, ocuparán postos que aínda non se crearon, e que terán que ver coa adquisición de competencias dixitais. O acceso a unha educación de calidade é o Obxectivo de Desenvolvemento Sustentable número 4 e foi aprobado en Nacións Unidas como parte da Axenda 2030 de Desenvolvemento Sustentable para o período 2016-2030. Así mesmo, Alierta recalcou a necesidade de que institucións públicas e empresas privadas se unan co fin de acabar coas desigualdades, reducir a fenda educativa e conseguir así erradicar a pobreza no mundo.

Tecnoloxías da educación para a inclusión social

Nun mundo no que se estima que máis de 50 millóns de nenos non están escolarizados, e que 24 millóns nunca pasarán por unha escola, a educación dixital, entendida como o uso das tecnoloxías da información para ofrecer contidos de calidade dun modo accesible, pode permitir avanzar os niveis educativos nos lugares máis remotos e nos contextos máis vulnerables. Este é o caso por exemplo de zonas en conflito, onde vive a maior parte da poboación infantil non escolarizada.

Como exemplo, César Alierta, describiu a experiencia de ProFuturo en campos de refuxiados, onde a través dun piloto e o uso de tecnoloxía sinxela, o proxecto está a permitir que familias poidan continuar coa súa educación e adaptala ao contexto e experiencia específica de persoas refuxiadas. “O proxecto permitiu adaptar o currículo, formar a docentes e afrontar os problemas de infraestruturas“, aclarou.

Así mesmo, Alierta recalcou que a tecnoloxía asegura o acceso a unha educación de calidade a calquera persoa en calquera lugar do mundo porque “incrementa a motivación dos alumnos, reduce a taxa de abandono, proporciona ferramentas aos profesores e prepara aos estudantes nas competencias e habilidades do Século XXI”.

Por este motivo, ProFuturo nace coa misión de proporcionar “as mesmas oportunidades a nenos e nenas en contornas vulnerables a través dunha educación de calidade, personalizada e innovadora que logre transformar a súa aprendizaxe e proporcionarlle ferramentas para o futuro”. “Estamos convencidos de que temos a mellor oportunidade de usar a tecnoloxía para acelerar o desenvolvemento e o benestar social dos cidadáns a través da educación dixital”.

 

Un proxecto presente en dez países de América Latina e África

ProFuturo nace coa vocación de transformar a educación de 10 millóns de nenos en 2020 e actualmente conta con proxectos activos en dez países, entre os que se atopan Angola, Uganda, Colombia, Perú, Kenia, Tanzania e Guatemala. Ademais, xa son 326 escolas e preto de 1.500 profesores os que están a implantar o modelo educativo dixital e personalizado de ProFuturo e ao redor de 3 millóns de nenos os que recibiron unha educación dixital de calidade a través dos programas de educación da Fundación Telefónica.

Tema: Xeral
Fonte: CiberSur
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal