Depo en marcha está novamente “en marcha”. Así o confirmou onte a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, quen explicou en que consiste este programa (unha serie de actividades para os maiores da provincia e para favorecer neste colectivo o envellecemento saudable) e máis os detalles da nova edición do mesmo (fornecendo un mínimo de 100 obradoiros, incluíndo entre as súas oito temáticas unha específica vencellada ás novas tecnoloxías da información: En rede). A titular da Deputación tamén fixo saber que a convocatoria 2017 deDepo en Marcha, a segunda da súa andaina, vén cun orzamento de 120.000 euros. Amais das TIC, os participantes nas actividades terán oportunidade de ampliar os seus coñecementos de gastronomía, artesanía, actividade física ou medio ambiente.
Carmela Silva manifestou na presentación da segunda edición do programa que “vivimos nunha sociedade cada vez máis envellecida, que precisa de servizos, plans e programas adaptados ás súas necesidades”. A fío disto, Silva engadiu que Depo en marcha ten “por finalidade favorecer o envellecemento activo das persoas da provincia a través de obradoiros cos que se quere contribuír a optimizar as oportunidades de saúde, participación e seguridade da terceira idade, así como establecer relacións sociais, favorecer a participación en actividades que melloren o seu estado anímico, potenciar movementos de participación e cooperación social, promover espazos de encontro e intercambio de experiencias e favorecer a independencia das persoas maiores para evitar o seu illamento e situacións de soidade”.
A través da área En rede, un dos oito bloques temáticos do programa, os participantes coñecerán o funcionamento de Internet, así como do correo electrónico, do teléfono móbil e da informática, tanto a nivel iniciación coma avanzado.
Os máis de 100 obradoiros que oferta a Deputación de Pontevedra van dirixidos a entidades de persoas maiores, xubiladas e pensionistas da provincia. As entidades interesadas en beneficiarse das accións previstas deberán presentar a solicitude de participación nun prazo de 20 días a partir do día seguinte ao da publicación do extracto da convocatoria no BOPPO.
Rexístrate como: