O Centro de Maiores Afundación Lugo presenta a súa oferta formativa en TIC ao longo deste ano 2017 e para os seus usuarios. Unha ampla variedade de cursos que desvelarán as vantaxes do uso das novas tecnoloxías na vida diaria, desde solicitar unha cita médica ata encargar a compra. Todas aquelas persoas interesadas poderán dirixirse ao Centro de Maiores Afundación Lugo ou ben no teléfono 982 24 18 78.
Un dos eixos estratéxicos de Afundación está centrado no envellecemento activo, con tres liñas de traballo. Por unha banda, o benestar psicofísico e o desenvolvemento persoal con actividades e obradoiros nos centros propios da entidade. Abórdanse cuestións de hábitos saudables, promoción da cultura e da expresión artística e dinamización da formación e do coñecemento. Afundación promove o desenvolvemento de actividades de viaxes e excursións como instrumentos que redundan nunha maior formación. Os 11 centros de maiores que se sitúan nas principais cidades de Galicia, máis Viveiro, Betanzos, Monforte e Pontedeume, poñen en marcha todas estas iniciativas.
Outra das ramas do envellecemento activo reside na posta en valor da experiencia e a procura de oportunidades para que as persoas maiores sigan contribuíndo de forma activa coa sociedade. "O valor da experiencia", co proxecto de «Fálame da emigración» no que participaron 400 maiores e máis de mil estudantes de diversos institutos de Galicia, promove o contacto e o intercambio de coñecementos entre persoas de moi distintas xeracións. O voluntariado de maiores nos ámbitos sociais e profesionais para «ampliar o seu horizonte, xa que estamos convencidos de que teñen moito que achegar á comunidade. Imos promover actividades que permitan aproveitar a bagaxe deste colectivo.
E en terceiro lugar, unha aposta transversal para contribuír a cambiar a imaxe social das persoas maiores. Neste sentido, Afundación súmase ás celebracións que poñen de manifesto a importancia de coñecer e nutrirse, como sociedade, da riqueza xurdida a partir das experiencias de vida dos maiores.
Rexístrate como: