Segundo José Luis Jorcano, profesor do Departamento de Bioenxeñería e Enxeñería Aeroespacial da UC3M e xefe da Unidade Mixta Ciemat/UC3M de Enxeñería Biomédica, esta pel "pode ser trasplantada a pacientes ou ser utilizada desde o punto de vista empresarial no testeo de produtos químicos, cosméticos e farmacéuticos", pois "é producida en cantidades, tempos e prezo perfectamente compatibles con estes usos".
Replica a estrutura natural da pel, cunha primeira capa externa (a epidermis co seu estrato córneo), que protexe contra o medio ambiente exterior, xunto a outra máis profunda e grosa, a dermis. Esta última capa está integrada por fibroblastos que producen coláxeno, a proteína que dá elasticidade e resistencia mecánica á pel.
Desenvolvida en colaboración con BioDan Group, empresa española de bioenxeñería especializada en mediciña rexenerativa, esta nova pel é un dos primeiros órganos humanos vivos creados por bioimpresión que accede ao mercado.
A clave é a biotinta
Os autores sosteñen que neste tipo de impresión o máis importante son as tintas utilizadas, pois en lugar de cartuchos con tintas de cores, para a impresión de pel humana necesítanse xiringas con distintos compoñentes biolóxicos.
"Saber como mesturar estes compoñentes, en que condicións manexalos para que non se deterioren as células e como realizar a deposición adecuada é a parte crítica do sistema", apuntou Juan Francisco Cañizo, investigador do Hospital Xeral Universitario Gregorio Marañón e da Universidade Complutense de Madrid.
A deposición destas biotintas, patentadas polo Ciemat e baixo licenza de BioDan Group, está controlada por computador e realízase de maneira ordenada nunha placa para producir aos poucos a pel.
A xeración destes tecidos pódese realizar de dúas maneiras: pel aloxénica, a partir dun stock de células a gran escala, para procesos industriais, ou pel autóloga, creada caso a caso a partir de células do propio paciente, para usos terapéuticos como queimaduras graves.
"Utilizamos unicamente células e compoñentes humanos para producir unha pel bioactiva e que xere o seu propio coláxeno humano, evitando o uso de coláxeno animal como fan outros métodos", indicaron os científicos, que actualmente investigan como imprimir outros tecidos humanos.
Vantaxes
Alfredo Brisac, conselleiro delegado de BioDan Group, explicou que "este método de bioimpresión permite xerar a pel de maneira automatizada e estandarizada, e abarata o proceso respecto da produción manual".
Actualmente, este desenvolvemento atópase en fase de aprobación por diferentes entidades regulatorias europeas para garantir que a pel producida sexa apta para a súa utilización en transplantes a pacientes con queimaduras e outros problemas na pel.
Ademais, estes tecidos pódense empregar no testeo de produtos farmacéuticos, cosméticos e químicos de gran consumo, onde a regulación actual esixe o testeo sen animais.
Rexístrate como: