As iniciativas da Deputación de Coruña contra a violencia de xénero van ter continuidade e van ir alén do acadado con Suprime o Control, do que xa temos falado salientando a súa vontade de actuar contra un uso discriminatorio e vexatorio das novas tecnoloxías. Así o deu a coñecer onte a responsable de Igualdade da entidade provincial, Ánxela Franco, engadindo que o novo programa (que abrangue a Suprime o Control, entre outras accións) terá desenvolvemento en vinte concellos da provincia, todos eles de menos de 20.000 habitantes.
Como lembraremos, Suprime o Control é un programa da Deputación para incentivar nos ambientes escolares o rexeitamento contra a violencia de xénero, amais da sensibilización e a formación sobre esta lacra social. A iniciativa, posta en marcha polo dito departamento, ten unha clara vertente TIC. Alén do seu propio nome, que é un xogo de palabras coa funcionalidade que no Windows nos permite pechar un programa, o programa ten na súa páxina web, suprimeocontrol.com, o seu principal alicerce.
Dende este espazo en liña achégase, de feito, toda a información sobre o proxecto, todo tipo de recursos educativos de utilidade e máis o calendario de actividades. O obxectivo é ofrecerlle ao alumnado de terceiro e cuarto da ESO, ás súas familias e ao profesorado, ferramentas coas que traballar “pola construción de identidades igualitarias”, facendo unha especial crítica ás violencias machistas na adolescencia e á súa reprodución por medio das redes sociais ou os produtos audiovisuais, etc. A anterior edición de Suprime o Control levouse a cabo nunha ducia de concellos: Trazo, Touro, Malpica, Cerceda, Ponteceso, Boimorto, Dodro, Tordoia, Arzúa, O Pino e Mesía. O programa, sinalou Ánxela Franco, terá continuidade nos cursos 2017-2018 e 2018-2019.
Rexístrate como: