Para as/os maiores de idade da provincia de Lugo que queiran pórse ao día en materia de nova comunicación e novos xeitos de procurar e achegar coñecemento, dicirlles que a Deputación vai facer seu o lema de “non mudar o que funciona ben” e recunca un ano máis coas súas actividades formativas de envellecemento saudábel a través das novas tecnoloxías (as TIC). Falamos dos cursos de balde para maiores do programa InLugo. Segundo vén de informar a entidade que preside Darío Campos, ábrese ano (primeiro trimestre) con 32 destas actividades. En total, achéganse 555 prazas, a cubrir mediante inscrición en fundaciontic.org e máis deputacionlugo.gal. Os obradoiros foron dados a coñecer polo presidente destas dúas entidades (Deputación de Lugo e Fundación TIC), Darío Campos, e pola alcaldesa Lara Méndez.
Campos avanzou que a previsión deste ano é a de ampliar o número de accións, “atendendo así a alta demanda por parte dos usuarios”. Este éxito, dixo, fica reflectido no feito de que en 2016 as peticións de prazas triplicasen o número de vacantes dispoñíbeis nos cursos con inscrición. Campos Conde salientou tamén “o labor social que está a desenvolver a Fundación TIC da Deputación, a través do InLugo”, que o ano pasado tivo uns 1.500 usuarios, sumando todas actividades, “coma o NutreTIC ou Memoria Dixital”. Por estas e outras razóns, sinalou, “o Goberno provincial seguirá apostando por achegar as novas tecnoloxías aos maiores da nosa provincia como unha ferramenta moi útil para mellorar a súa calidade de vida”. No primeiro trimestre de 2017 impartiranse 32 cursos e obradoiros na sede do InLugo. Para 23 deles, que suman un total de 330 prazas, requírese inscrición. O prazo para apuntarse ábrese este luns, precisamente. Os interesados xa poden inscribirse a través de www.fundaciontic.org e www.deputacionlugo.gal ou chamando ao teléfono 982 225 186. Os outros 9 obradoiros serán de asistencia libre, cun máximo de 225 prazas en total, 25 por actividade. Son actividades encamiñadas sobre todo a usuarios que xa asistiron a algún curso. Neste senso, o presidente da Fundación TIC dixo que o obxectivo é, “por unha banda, que repasen o aprendido e, por outra, dar cabida nos cursos con inscrición a novos usuarios que nunca participaron nas actividades do InLugo”.
Entre as novidades deste primeiro trimestre tamén se inclúe a celebración dunha actividade TIC específica de divulgación para todas aquelas que queiran “actualizar” os seus coñecementos tecnolóxico-dixitais. Trátase da Semana Tecnolóxica, que se desenvolverá do 27 ao 30 de marzo en horario de mañá e tarde. Campos anunciou que “un dos obxectivos desta Semana é axudar aos usuarios do InLugo que precisen repasar contidos, pero tamén se realizarán actividades máis avanzadas e específicas, como buscar e descargar aplicacións relacionadas coa saúde, antivirus para ordenador ou móbil ou buscas avanzadas en Internet”. Poderán apuntarse un total de 50 persoas, 25 en cada quenda. Campos, a maiores, fixo reconto do xerado ao abeiro de InLugo en 2016. O saldo, sinalou, é claramente positivo, posto en que se conseguiu dar servizo a 1.500 usuarios nas diferentes actividades organizadas. Nun plano máis concreto, na sede de InLugo na cidade da Muralla impartíronse 69 cursos e obradoiros con 896 prazas para as que houbo 2.486 solicitudes, “case o triplo das prazas convocadas”, recordou o presidente, que engadiu a todas estas cifras a alta porcentaxe de participación nos obradoiros que se levaron a cabo por toda a provincia, tocando temas como a nutrición saudábel, o emprego do móbil e a divulgación e recollida de testemuños para a web de Memoria Dixital Lugo.
Rexístrate como: