Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Cartel do concurso

Convócase o I Concurso Escolar de Debuxo e Redacción do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia

Versión para impresiónSend by email
Ourense, 20/01/17 (11:07)
  • Pode participar alumnado de Primaria e Secundaria da provincia de Ourense
  • O seu obxectivo é contribuír a potenciar a igualdade de xénero na educación

 

O día 11 de febreiro está declarado pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas como o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia. Sumándose a este compromiso, as facultades e escolas da área científico-tecnolóxica do campus de Ourense co apoio da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo veñen de convocar o I Concurso Escolar de Debuxo e Redacción do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia. Pode participar nel alumnado de Educación Primaria e Educación Secundaria Obrigatoria da provincia de Ourense.

Segundo explica Nieves Lorenzo, promotora do certame, a idea nace ao coñecer a iniciativa 11defebrero.org, que busca fomentar a celebración de actividades co gallo desta data. “Vendo a involución que se está dando da presenza da muller nas carreiras científicas e tecnolóxicas, sobre todo nas enxeñarías, pensamos que debiamos tamén nós pór o noso gran de area para loitar contra esta situación”, sinala a profesora e investigadora da Universidades de Vigo. Deste xeito, engade, optouse polo formato de concurso para escolares coa idea de que “é desde abaixo, desde a educación máis temperá, onde temos que comezar a mudar a situación fomentando unha educación en igualdade de xénero”.

O certame, que conta coa implicación da Facultade de Ciencias, da Escola Superior de Enxeñaría Informática e da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo do campus de Ourense, ten como obxectivos “promover o coñecemento por parte do alumnado do papel das mulleres na ciencia e na enxeñaría e as súas achegas ao desenvolvemento humano ao longo da historia; establecer un certame que axude a que se visualice o papel das mulleres na ciencia e na enxeñaría e que reflicta como son vistas pola sociedade e chamar a atención do alumnado sobre a ciencia, a enxeñaría e a súa contorna”. O galardón conta con dúas categorías para participar, unha para alumnado de quinto e sexto curso de Educación Primaria e outra para alumnado de terceiro e cuarto de Educación Secundaria Obrigatoria.
 

Primeira selección por parte dos centros

O tema dos traballos, sexa debuxo ou redacción, ten que tratar sobre a visión do alumnado do papel das mulleres na ciencia, con temas como "Que sabes dos descubrimentos das científicas pioneiras? Anímaste a debuxar unha científica? Que científicas coñeces? Como teñen contribuído as mulleres ao desenvolvemento da enxeñaría? Presentas a unha enxeñeira ou científica?”. Cada centro escolar será quen realice unha primeira selección de traballos, presentando como máximo seis (sumando debuxos e redaccións). A selección final dos traballos gañadores realizarase por proposta dun xurado. Os criterios de avaliación no caso do debuxo serán a calidade técnica, orixinalidade, creatividade e tratamento da temática do certame e no caso da redacción a orde, capacidade de razoamento, orixinalidade e tratamento da temática do concurso. A data límite para presentarse ao certame é o 3 de febreiro ás 14.30 h.

O nome das premiadas e premiados farase público na entrega de premios que se celebrará o día 11 de febreiro, nun evento especial que terá lugar no Edificio Politécnico do campus de Ourense. Ese día exporanse todos os debuxos e entregarase diploma acreditativo a todas as persoas participantes. Ademais entregaranse tres premios para a modalidade de debuxo e tres para a de redacción, sendo en ambos caso o primeiro premio unha tableta, un libro, un USB e un diploma e o segundo e terceiro un libro, un USB e un diploma. 

Tema: Xeral
Fonte: Diario da Universidade de Vigo
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal