Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Teclado

Collen corpo seis novas aceleradoras galegas

Versión para impresiónSend by email
Santiago de Compostela, 28/12/16 (10:19)

Hoxe publicábase no Diario Oficial de Galicia (DOG) a resolución dun programa que segundo o Goberno galego é “até o de agora único en España”. Inserido na Estratexia de especialización intelixente de Galicia (RIS3), o programa empresta apoio a seis novas aceleradoras sectoriais de cara a promover o emprendemento innovador en Galicia, ben no eido privado, ben noutros eidos máis específicos (economía do coñecemento-novas tecnoloxías da información, saúde e biotecnoloxía, loxística, educación, audiovisual, lecer e turismo). Detrás desta proposta atópase a Consellería de Economía, Emprego e Industria.

Emporiso, nesta primeira convocatoria, impulsada a través da Axencia Galega de Innovación (GAIN), presentáronse un total de 14 programas de aceleración, seleccionándose seis aceleradoras: Maritime Jobs HR Consulting (sector naval); Zarpamos Aceleradora de Empresas (oftalmoloxía e equipamento médico); Vasco Gallega Sociedad de Cartera (loxística e transporte); I Nova Consultores en Excelencia e Innovación Estratégica (saúde e ámbito socio-sanitario no eido das Tecnoloxías da Información e a Comunicación, TIC); Conector Galicia (economía do coñecemento); e Talentiers (programa de alto rendemento que traballa en: educación, deporte, TIC, lecer e turismo, audiovisual, sector agroindustrial, etc).

Mediante estas seis aceleradoras desenvolveranse 27 proxectos empresariais. Nestas iniciativas, promovidas polo propio sector, participarán entidades e centros de referencia a nivel internacional, como: Lufthansa, Rocket Space, Centro Tecnolóxico de Monterrey, a Sociedade Danesa de Arquitectura Naval e Enxeñería Mariña ou a Academic College de Tel Aviv.

GAIN concedeu a este programa de aceleración axudas por valor de 500.000 euros e a iniciativa privada achegará de media o 60% do investimento total. Amais destas axudas, os mellores proxectos poderán contar cun investimento extra de 900.000 euros e terán a posibilidade de optar a préstamos participativos de XesGalicia de até 50.000 euros.

As novas aceleradoras son empresas con centro de traballo en Galicia, o que contribúe a crear emprego e a potenciar a investigación e a mellora da competividade das PEME galegas. Así, dous dos proxectos terán a súa sede na Coruña (Zarpamos Aceleradora de Empresas e Talentiers); outros dous estarán en Vigo (Vasco Gallega Sociedad de Cartera e I Nova Consultores en Excelencia e Innovación Estratégica); unha quinta aceleradora estará establecida entre Vigo e A Coruña (Conector Galicia); e a sexta, promovida por Maritime Jobs HR Consulting, estará na Delegación do Colexio de Enxeñeiros Navais de Ferrol.  

Tema: Xeral
Fonte: Código Cero
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal