Santiago de Compostela,
27/12/16 (08:37)
Televés é unha das 50 empresas europeas que participan no proxecto ACTIVAGE, cuxo obxectivo é construír unha plataforma aberta e interoperable baseada na internet das Cousas (IoT) para o despregamento de solucións que favorezan a autonomía e a calidade de vida das persoas maiores.
Neste marco, o papel da compañía será o desenvolvemento dunha proba piloto en Galicia na que 700 usuarios tomarán parte na validación de solucións para a integración social e sanitaria. Para a realización desta proba Televés colaborará co Servizo Galego de Saúde (Sergas), Cruz Vermella, Fundación Vodafone, Fundación Tecsos, Universitat Politècnica de Valencia e Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA).
ACTIVAGE é un proxecto financiado pola Comisión Europea no marco do programa Horizonte 2020. Cun orzamento de 25,3 millóns de euros e un prazo de execución de 42 meses, o seu obxectivo é facer fronte ao reto que supón o envellecemento da poboación. Neste sentido, as solucións expostas oriéntanse a empregar a tecnoloxía para incrementar a seguridade das persoas maiores, favorecendo o mantemento da súa independencia e participación social, así como a reducir o impacto negativo que implica a deterioración cognitiva das persoas de maior idade e das enfermidades crónicas. Así mesmo, a creación da plataforma impulsará no futuro o desenvolvemento de novos servizos e oportunidades de negocio no ámbito do Smart Living.
O piloto que lidera Televés servirá para incrementar a interoperabilidade das solucións desenvolvidas pola compañía coas principais plataformas da internet das Cousas, reforzando aspectos como a seguridade, o intercambio de información entre os fogares das persoas que necesitan coidados e os centros asistenciais, a mellora da facilidade de uso dos dispositivos, ou a integración coas redes de telecomunicación despregadas no fogar.
Tema: Xeral
Fonte:
CasaDomo