A Deputación de Lugo organizou este mércores unha actividade dirixida a celebrar o Nadal dende as novas tecnoloxías da información, e viceversa. E todo facendo fincapé nos nos nosos maiores: festexando estas datas á vez que se fomentan a formación e os bos e saudables usos TIC. NadalTIC, así se chama a proposta, celebrouse o mércores no Centro InLugo, da man da Fundación TIC e a Deputación. Segundo fan saber estas entidades, unha chea de lucenses de máis de 55 anos participaron na xornada, que incluíu un cumprido feixe de actividades lúdicas relacionadas coas novas tecnoloxías, como un mannequin challenge no que houbo que botar man dos novos aparellos e plataformas para facer neles o que os participantes levan anos facendo no plano tradicional: enviaren felicitacións de Nadal e Aninovo. Neste “desafío” tamén participou o presidente da Deputación, Darío Campos.
Campos Conde salientou que “máis de 1.000 maiores de toda a provincia participan ao ano nas actividades de balde sobre novas tecnoloxías do InLugo”, actividades que os axudan a facer cousas como tirar proveito das redes sociais para comunicárense e estar, tamén, ao tanto das máis recentes novidades relativas ás redes. Campos avanzou que en 2017 InLugo seguirá con máis actividades nos 67 concellos da provincia. O NadalTIC incluíu unha manchea de actividades ligadas ás novas tecnoloxías. “Os participantes”, sinala a Deputación, “poden crear música e sons con diversas aplicacións, ser os protagonistas dun calendario de 2017 e recibir consellos sobre os mellores hábitos de alimentación, especialmente nesta época de excesos na mesa”. A xornada, que foi aberta a todos os maiores interesados, continuou pola tarde en horario de 16:30 a 19:30 horas.
Rexístrate como: