Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Imaxe do investigador Juan Carlos Vidal

O CiTIUS acubillará o desenvolvemento dun innovador proxecto de rehabilitación de doentes cardíacos

Versión para impresiónSend by email
Santiago de Compostela, 22/12/16 (08:50)

O proxecto de saúde dixital Recarga, iniciativa galega destinada a tirar proveito das novas tecnoloxías para a recuperación de doentes cardíacos, vén de recibir un importante pulo do Goberno, máis polo miúdo do Ministerio de Economía e Competitividade (MINECO), que vén de conceder un dos seus proxectos de innovación a Juan Carlos Vidal, investigador posdoutoral do centro CiTIUS, emprazado no Campus Vida de Santiago. A axuda en cuestión (Programa Estatal de I+D+i Orientada a Retos da Sociedade) financiará con máis de 200.000 euros a actividade de Recarga ao longo dos tres anos vindeiros.
Esta iniciativa foi unha das catro candidaturas de todo o ámbito estatal distinguidas coa devandita axuda. Recarga preséntase baixo o seguinte epígrafe: Soft Computing para analíticas de gamificación en rehabilitación cardíaca. O seu obxectivo é botar man de tecnoloxías e metodoloxías baseadas no lecer dixital (videoxogos) para pórlle freo a un dos grandes males do noso tempo: as doenzas cardiovasculares, hoxe en día a primeira causa de morte en Occidente.

Segundo explica o CiTIUS, Recarga proponse “utilizar técnicas de gamificación para facilitar a execución dos plans de Rehabilitación Cardíaca (RC), destinados a pacientes vítimas dun episodio cardiovascular grave”. Máis en detalle, a finalidade do proxecto é aplicar este tipo de técnicas tratando de promover “un estilo de vida saudábel nos pacientes, favorecendo o seu benestar”.

Outra das bases do proxecto, amais da gamificación, é a personalización. Así, cada paciente terá a través de Recarga, por así dicilo, o seu propio plan de rehabilitación, acaido ás súas características e todo co “gallo de aumentar a motivación e a prolongación no tempo do uso das ditas técnicas”. Para lograr este nivel de personalización, ao abeiro do proxecto desenvolveranse algoritmos baseados en técnicas de soft computing para “facer viábel a toma de decisións na adaptación a cada doente dos plans gamificados de RC, adaptándoa ás características de cada paciente”.

Estes algoritmos encamiñaranse a permitir o achado automático do fluxo real de actividades seguido polos pacientes, a estimación dos tempos de execución das devanditas actividades e a predición de excepcións e problemas no progreso dos doentes durante a realización dos plans gamificados”. Ademais, tanto estes algoritmos coma a aplicación móbil que abrollará de Recarga acabarán sendo integrados con Procardia, a plataforma de xestión do programa de RC que na actualidade está xa a implantarse no Complexo Hospitalario de Santiago de Compostela (CHUS).

Tema: Xeral
Fonte: Código Cero
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal