A pasada semana anunciabamos en Código Cero a celebración da X Feira de Artesanía e Antigüidades da Pontenova (do 8 ao 11 de decembro), marco no cal tamén se desenvolvía este venres 9 unha actividade destinada a recuperar lembranzas do dito concello lugués pola vía das TIC. A actividade formaba parte de Memoria Dixital Lugo, un programa de dinamización local, cidadá e tecnolóxica que se está a desenvolver de maneira itinerante por toda a provincia, incluíndo 15 obradoiros sobre o uso do móbil. A finalidade: gravar as lembranzas dos lucenses. Estas serán o miolo, precisamente, de Memoria Dixital Lugo. O programa, especialmente encamiñado aos maiores (pero sen desbotar a participación de todos os lucenses), acubilla vídeos, audios, fotografías antigas e documentos.
Ao encontro do pasado venres asistían o presidente da Fundación TIC e da Deputación de Lugo, Darío Campos Conde, xunto a ducias de veciños. Por certo que o propio Darío Campos animouse a participar na actividade e fixo un percorrido (perante o equipamento tecnolóxico-audiovisual da Fundación TIC) polas súas vivencias. O banco de recordos de Memoria Dixital Lugo celebrouse na Oficina de Turismo do Concello da Pontenova. O proxecto en cuestión desenvólvese ao abeiro do programa de Promoción da Autonomía Persoal dos Maiores da Provincia, dotado con 175.000 euros, e xestionado pola Fundación TIC da Deputación.
Ao longo da xornada, os participantes relataron a profunda tradición que o Concello garda cos oficios tradicionais como os anticuarios e a ebanistería, como era vida no municipio cando este tiña tren, cinema… ou as impresións cando chegaron ás súas vidas inventos como a televisión e a radio, que mudaron os costumes dos veciños da Pontenova.
Rexístrate como: