Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Dor

Unha ‘app’ avalía os efectos da dor crónica na vida dos pacientes

  • A aplicación permite aos médicos coñecer se o tratamento funciona ou e hai que realizar algún axuste ou intervención.

 

Versión para impresiónSend by email
Santiago de Compostela, 01/12/16 (09:26)
Investigadores da Universidade Jaume I de Castelló, a Universidade de Barcelona e o CIBERobn do Instituto de Saúde Carlos III desenvolveron unha aplicación informática para móbiles e tabletas que serve para avaliar e monitorar a influencia da dor na vida dos pacientes con dor crónica e a eficacia do seu tratamento.
 
O software Monitor de Dor recolle información relevante de como experimenta a dor cada persoa e a influencia das condicións ambientais e sociais nesta experiencia. A ferramenta mellora a avaliación clínica e o tratamento, especialmente nos pacientes con dor crónica, e é útil tamén no desenvolvemento de fármacos contra a dor, ao permitir medir a súa eficacia, segundo os seus creadores.
 
"Con esta app o paciente está monitorado durante o tempo que transcorre entre consultas e isto permite aos facultativos coñecer se o tratamento funciona ou se hai que realizar algún axuste ou intervención", explica Azucena García Palacios, investigadora da Universidade Jaume I de Castelló.
 
Dous rexistros diarios
 
O contido da app elaborouse seguindo as recomendacións da Iniciativa sobre Métodos, Medidas e Avaliación de Dor en Ensaios Clínicos (IMMPACT) e facilita o seguimento do paciente durante 30 días, mediante dous rexistros diarios con preguntas breves sobre o estado de ánimo, o tipo de dor, a súa localización, a medicación que se tomou ou as consecuencias na vida diaria, o soño, o traballo ou a actividade física.
 
Ademais, o software permite rexistrar estes mesmos datos cando os pacientes teñen un episodio de dor aguda, facilitando o coñecemento dos profesionais sobre a frecuencia dos episodios e as consecuencias emocionais destes. A ferramenta tamén permite almacenar datos das variables contextuales e a información meteorolóxica.
 
O uso desta aplicación axudaría a detectar con maior rapidez os casos en que a medicación contra a dor non é efectiva e evitar os efectos secundarios dun tratamento que non é eficaz. As principais vantaxes son que permite obter un perfil individual da vivencia da dor, xa que recolle información diariamente e no mesmo momento en que se experimenta o episodio de dor, e o seu uso en dispositivos móbiles e tabletas é sinxelo.
 
Dispositivos Android
 
Este novo software rexistrado e validado en estudos de campo está listo para a súa instalación e uso en dispositivos Android. "Fixemos un estudo previo de validación, comparando as respostas da app con respostas xa estandarizadas noutros procedementos, e isto fai que a aplicación sexa robusta e, á vez, con validez para os estudos en que se utilice", explica García Palacios.
 
Segundo os investigadores, a aplicación é útil para a súa aplicación en sectores como a industria farmacéutica e desenvolvemento de medicamentos máis eficaces contra a dor; hospitais e centros dedicados á atención de pacientes con dores crónicas, e ensaios clínicos e de investigación en psicoloxía clínica
Tema: Xeral
Fonte: SINC
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal