Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Imaxe da xornada

Afundación inicia na súa Sede de Ferrol o programa +60, dentro do seu novo proxecto de envellecemento activo

  • As actividades, dirixidas a maiores de 60 anos, están abertas tamén á participación de público de todas as idades
  • Mozos e maiores escenifican cun flashmob e a lectura dun manifesto o orgullo de ser maior e o valor da experiencia
Versión para impresiónSend by email
Ferrol, 21/11/16 (13:58)

A Sede Afundación Ferrol acolleu esta tarde unha xornada interxeracional na que persoas mozas e maiores participaron nun flashmob e leron un manifesto de dez puntos cos que reivindicaron o orgullo de ser maior e o valor da experiencia. Con este acto simbólico, Afundación celebra a integración neste espazo das actividades de envellecemento activo que ata agora se desenvolvían na avenida de Vigo. A sede convértese desde hoxe nun centro multidisciplinar e interxeracional, co obxectivo de dar cabida a todos os proxectos e actividades que desenvolve actualmente a entidade nos seus tres ámbitos de actuación: a cultura, o envellecemento activo e a educación superior e coñecemento. O novo espazo confórmase como un centro interxeracional, no que, aínda que os maiores de 60 anos, e concretamente os 1200 socios e socias rexistrados en Ferrol, sexan o seu público preferente, a oferta estará aberta a público doutras idades. Así mesmo, involucraranse as persoas maiores, segundo os seus intereses, nas actividades culturais e educativas con mozos e escolares que se leven a cabo na sede. Deste xeito, crearanse oportunidades para que as distintas xeracións estean conectadas.

Os espazos +60, como o que se inaugurou hoxe en Ferrol, presentan unha ampla e innovadora oferta de actuacións que contempla diferentes dimensións do envellecemento activo: o benestar psicolóxico, físico e social, a aprendizaxe ao longo de toda a vida, así como a participación e a inclusión social das persoas maiores, tendo en conta a pluralidade de intereses e expectativas deste sector da poboación. Esta oferta está estruturada a través de 5 programas: hábitos saudables, cultura e expresión artística, formación e coñecemento, TIC e lecer activo, aos que se suman tres proxectos estratéxicos de Afundación neste ámbito: o valor da experiencia, a difusión dunha imaxe social dos maiores afastada de estereotipos, e o voluntariado social e profesional.

A ESTRATEXIA DE ENVELLECEMENTO ACTIVO

Afundación, dentro do seu proxecto de promoción do envellecemento activo, ten entre os seus obxectivos difundir unha imaxe positiva das persoas maiores, que ofreza unha representación fiel e diversa da súa realidade, «desafiando estereotipos estendidos na sociedade sobre este grupo de poboación que non responden á realidade, que as persoas maiores son suxeitos activos, contribuíntes e beneficiarios do desenvolvemento, e que a vellez non é máis que unha etapa do proceso evolutivo do ser», subliña Concepción Martínez Lamigueiro, coordinadora do programa +60 de Afundación en Ferrol. Así, a reivindicación do «orgullo de ser maior» esténdese a todas as actuacións da entidade, co obxectivo de aceptar o envellecemento como un proceso natural, propiciando unha adaptación positiva a esta etapa vital.

O outro eixe de actuación prioritario da entidade neste ámbito é ampliar as oportunidades de participación e contribución social das persoas maiores, aproveitando o seu talento e a súa experiencia vital e profesional en beneficio da comunidade. Así, a través do programa o valor da experiencia, Afundación promove que persoas de diferentes xeracións e, fóra do ámbito familiar, interaccionen, se coñezan e aprendan mutuamente, coa finalidade de aproveitar os coñecementos e capacidades dunhas e outras e superar a fragmentación por idades que prima na nosa sociedade. Un exemplo destas accións é o programa «Fálame da emigración», no que participaron o curso pasado 65 voluntarios e voluntarias maiores e 461 estudantes de 11 centros educativos galegos, entre eles, o IES Sofía Casanova de Ferrol.

Tema: Xeral
Fonte: Afundación
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal