Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Man dun coidador collendo a man dunha persoa maior

Televés crea Smart Assist, unha tecnoloxía para axudar ás persoas dependentes e os seus coidadores

Versión para impresiónSend by email
Santiago de Compostela, 10/11/16 (13:47)

A empresa galega Televés, centrada en achegar servizos de telecomunicacións, vén de participar no proxecto Smart Assist, unha solución para emprestar apoio a persoas con discapacidade, maiores que precisan coidados ou persoas con necesidades especiais, sen esquecerse dos seus coidadores. Cómpre dicir que nesta aposta tamén están implicadas outras tres entidades relacionadas coa asistencia socio-sanitaria: Fundación Tecsos, Fundación Vodafone España e Universitat Politècnica de València.

Indo ao proxecto, Smart Assist parte de tecnoloxías como a Internet das Cousas (IoT) e a análise de datos masivos (Big Data Analytics) para desenvolver solucións intelixentes que permiten personalizar a atención creando unha contorna que integra teleasistencia móbil e domiciliaria, favorecendo ao máximo a seguridade e accesibilidade, á vez que respecta e promove a autonomía e intimidade das persoas. Nesta iniciativa tamén se conta coa axuda de desenvolvementos como CareLife, a solución de teleasistencia ubicua desenvolvida por Televés, Cruz Vermella Española, Fundación Vodafone e Fundación Tecsos.

Cómpre salientar deste proxecto a integración da solución coas plataformas de IoT máis senlleiras, como FIWARE, SOFIA2 ou UniversAAL, de maneira que se estenda o alcance e a interoperabilidade dos servizos achegados. Smart Assist conta cun orzamento de case un millón de euros e un prazo de execución que vai dende setembro de 2016 a decembro de 2018.

Tema: Xeral
Fonte: Código Cero
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal