O Clúster TIC Galicia vén de convocar novamente os seus galardóns, uns recoñecementos destinados a visualizar, impulsar e distinguir o labor de “todos os axentes comprometidos co desenvolvemento do tecido produtivo baseado na Sociedade da Información”. En palabras dos responsables da plataforma, os Premios Clúster TIC Galicia “poñen de relevo ante a sociedade o traballo das empresas, profesionais ou entidades que deseñan, programan, desenvolven, implantan ou usan produtos ou servizos galegos que teñen na innovación e no uso das novas tecnoloxías a súa razón de ser”. As distincións artéllanse nas seguintes categorías: Innovación, Internacionalización, Liderado TIC, Start-ups e Software Libre. Ás devanditas úneselles unha modalidade nova: a de Márketing Dixital.
O requisito fundamental para aspirar a estes premios é que a candidatura veña da man dunha empresa que realice proxectos no eido das novas Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (TIC), “ben sexa como provedora ou como entidade usuaria de produtos e servizos TIC galegos”. O Clúster, para elixir as entidades finalmente premiadas, dará forma a un comité avaliador experto. Os nomes das gañadoras daranse a coñecer na gala de entrega de premios, logo da votación do xurado e de que se publique unha listaxe con tres finalistas por categoría. Por seren galardóns de honra que distinguen a calidade, os premios non comportan dotación económica, pero tanto os gañadores como os finalistas recibirán trofeos representativos e exclusivos. Os interesados en presentar unha candidatura deberán facelo de maneira exclusiva a través da web www.clustertic.gal, cubrindo o formulario en liña e axuntando a documentación que consideren oportuna. O prazo remata o vindeiro domingo 20 de novembro ás 23.59 horas.
As entidades Avansig (Innovación), Quobis (Internacionalización), Altia (Liderado TIC), Brookesia Design and Technologies (Start-ups) e Igalia (Software Libre) foron as gañadoras dos Premios Clúster TIC Galicia 2015. Os representantes das cinco devanditas empresas recolleron os seus galardóns nunha gala que se desenvolveu o 29 de outubro de 2015 no marco do evento LibreCon, na Cidade da Cultura de Galicia, en Santiago de Compostela. Segundo lembra o Clúster, as iniciativas distinguidas abranguían iniciativas de internacionalización e desenvolvementos tecnolóxicos nos eidos dos drons, as aplicacións móbiles para vehículos, os trebellos multifunción e as plataformas para set-top-boxes de operadoras. Dun total de 34 candidaturas presentadas, o comité avaliador experto seleccionou 15 finalistas, tres por cada unha das categorías desa primeira edición: Innovación, Internacionalización, Liderado TIC, Start-up e Software Libre.
Rexístrate como: