Baixo o espírito da crenza absoluta e inquebrantábel do noso potencial para crear innovación e revolución, a firma ourensá Contact Comunicación puxo en marcha unha iniciativa dixital de divulgación tecnolóxica galega: unha achega informativa que lle lembrase ao mundo que aquí na nosa terra fanse cousas nunca vistas antes polos “ollos” do mercado. Falamos de #TDGalicia, “o gran de area particular” de Contact para “construír un ecosistema emprendedor en Galicia”, que favoreza na medida do posíbel a transformación de ideas en empresas tecnolóxicas. #TDGalicia, máis polo miúdo, vén informando cada xoves dun destes proxectos galegos. A canle foi posta en marcha en marzo deste ano e, dende aquela, xa amosou a experiencia de máis de vinte propostas.
En palabras dos responsábeis da compañía, a iniciativa xurdiu directamente do empeño de Contact por “demostrar que as galegas e os galegos podemos crear proxectos moi innovadores e con perspectiva internacional”. E todo isto, engaden, malia as dificultades dos últimos anos, que “non foron doados para sacar adiante un negocio”. Con todo, “en Galicia están a xurdir unha manchea de proxectos de innovación, que con traballo e teimosía están a converterse en casos de éxito empresarial”.
Como dixemos, xa pasaron por esta palestra de información e demostración máis de vinte proxectos galegos. Por exemplo Confirmsign, Domestic ou Resetea, “por citar tres exemplos de entre os fantásticos proxectos que participaron en #TDGalicia”.
En palabras de Contact, cada unha destas iniciativas é “unha historia de esforzo e dedicación persoal, unha historia con alma propia, a dos emprendedores e empresarios galegos que apostan por pasar da idea escrita nun pano de papel mentres se toman unha caña cos amigos, a crear unha empresa con todo o que isto implica”.
Ao longo de oito meses de andaina, #TDGalicia acubillou as presentacións de StartUp Solucións (asesoramento integral para startups), Profocus (fotografía estratéxica de marca), Reseta (“cultiva cogomelos na túa propia casa”), Autofarm (seguimento e control dixital de explotacións agropecuarias), MD.USE (solucións innovadoras), Set Pay (“o teu punto de venda móbil”), Domesting (“reserva a limpeza doméstica do teu fogar”), Help-Flash (“o dispositivo que coida da túa seguridade viaria”), Cuarta Porta (creación de imaxes en 3D), I’m a Local (“outra forma de entender o turismo”), A Ferretería (Eventos & Co), Situm Technologies (xeolocalización de interiores), CreappCuentos (“aplicación para crear os teus propios contos”), Nubings (“aforro na factura eléctrica do teu fogar”), Phottic (recuperación do patrimonio fotográfico), Confirmsign. (correos electrónicos certificados), Seguro Móbil (“o mellor seguro para o teu móbil”), Alehop (“unha revista infantil diferente”), Fixed& Single (“outra maneira de entender o ciclismo”), Converfit (“axuda para mellorarmos as vendas a través do comercio electrónico”) e Comprar ao produtor (“produtos artesáns ao mellor prezo”).
Rexístrate como: