Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Imaxe do capítulo

A noite de Halloween reúne a todos os personaxes de "ON Fologüers", a serie animada de Fundación ONCE

  • Nesta ocasión coñeceremos a toda a pandilla, á que se suma Toni, un mozo xordo que traballa de mecánico
Versión para impresiónSend by email
Santiago de Compostela, 02/11/16 (08:42)
Fundación ONCE acaba de lanzar o quinto capítulo da miniserie animada "ON Fologüers?" que nesta ocasión reúne a todos os seus personaxes para celebrar a noite de Halloween. Así, á cuadrilla que xa coñeciamos de María, Adolfo, Laura, Dani e Amaia, súmase Toni, un mozo xordo que traballa de mecánico.
 
O personaxe de Toni representa a unha persoa xorda que comunica en linguaxe oral. O capítulo contou coa colaboración da Confederación Española de Familias de Persoas Xordas (FIAPAS), quen prestou o seu asesoramento para o subtitulado. 
 
Marcos Pereira é o encargado de dar voz a Toni. É un mozo do Movemento Asociativo de Familias-FIAPAS e, como o seu personaxe, Marcos é usuario de prótese auditivas. Grazas á detección precoz da xordeira, á estimulación auditiva e da linguaxe e cun importante apoio familiar e esforzo persoal, converteuse no primeiro estudante xordo da Real Escola Superior de Arte Dramática, xa que soña con dedicarse profesionalmente á interpretación.
 
Neste quinto episodio a cuadrilla pasa unha terrorífica noite de Halloween que non será tan divertida como esperaban. Nas distintas escenas os impulsores da serie aproveitaron para mostrar algunhas das axudas técnicas que facilitan a vida diaria ás persoas con discapacidade, por exemplo un termómetro parlante. No decorado elixido tamén se aprecia unha rampla e un aparcadoiro con prazas reservadas para persoas con mobilidade reducida. 
 
A serie, que se distribúe a través de Internet e redes sociais, pretende así promover a normalización das persoas con discapacidade e mostrar a discapacidade sen que se fale dela. 
 
Os personaxes da serie, que consta de oito capítulos, son novos con e sen discapacidade que desenvolven a súa vida en distintas contornas e protagonizan tramas a través das que coñecemos as barreiras sociais e arquitectónicas ás que deben facer fronte no seu día a día.
 
"Reflectimos en cada un dos capítulos o concepto do deseño para todos. Transmitimos cun sorriso valores como a solidariedade, o compromiso, o compañeirismo, que levados ao noso día a día permítennos lograr a inclusión das persoas con discapacidade", explica José Luis Martínez Donoso, director xeral de Fundación ONCE.
 
Mediada a tempada xa coñecemos a toda a cuadrilla e nos tres capítulos que restan seguiremos vendo como cada personaxe conseguirá os seus obxectivos, facendo unha denuncia construtiva e con humor de situacións concretas que se atopan as persoas con discapacidade.
 
A serie emitirase nas canles de redes sociais de Fundación ONCE: 
 
 
Tambén poderá accederse a ela a través da web de Fundación ONCE (https://www.fundaciononce.es/).
Tema: Xeral
Fonte: Fundación ONCE
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal