Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Parlamento europeo

Administración electrónica: webs accesibles para persoas con discapacidade e anciáns

  • As páxinas web e aplicacións móbiles das administracións, hospitais, tribunais e outros organismos públicos deberán ser facilmente accesibles para todos os cidadáns, incluídas as persoas con algunha discapacidade e anciáns.
Versión para impresiónSend by email
Santiago de Compostela, 28/10/16 (09:45)

En virtude das novas regras aprobadas polo Parlamento o mércores, as administracións deberán asegurar que todos os usuarios poden acceder aos seus datos e servizos na internet, como presentar a declaración da renda, solicitar unha bolsa, pagar un tributo ou inscribirse na Universidade.

“Aseguramos que a Administración electrónica é accesible para todos. Igual que os edificios gobernamentais deben ser accesibles, han de selo as entradas virtuais. Resolvemos a cara pública da accesibilidade, pero internet é moito máis que as web e aplicacións das administracións. Necesitamos reformas aplicables tamén aos servizos ofrecidos polo sector privado, desde a banca ás cadeas de televisión e os hospitais privados. Espero que podamos adoptar pronto unha norma europea sobre accesibilidade para garantir que os servizos tanto públicos como privados son accesibles para todos os cidadáns”, sinalou a relatora do texto, Dita Charanzová (ALDE, República Checa).

Coas novas normas, as páxinas web e aplicacións móbiles de todos os organismos públicos -instancias gobernamentais, tribunais, policía, hospitais, universidades ou bibliotecas- terán que cumprir estándares comúns de accesibilidade. Os eurodeputados aseguráronse de que as aplicacións utilizadas en teléfonos móbiles e tabletas tamén estarán suxeitas á nova lexislación.

Informes de cumprimento

Os organismos públicos terán que informar regularmente e de maneira detallada sobre o cumprimento da normativa nas súas páxinas e aplicacións, incluíndo información sobre as partes non accesibles e o motivo de que non o sexan. Terán que poñer en marcha un mecanismo para que os usuarios poidan notificar incumprimentos así como solicitar información se o contido non é accesible.

Acceso baixo demanda a certos contidos

Algúns contidos non estarán cubertos polas novas normas, pero só no caso de que non sexan necesarios para procesos administrativos. Os negociadores do PE aseguráronse de que o contido exento poderá, con todo, ofrecerse aos usuarios baixo demanda.

Os organismos públicos terán que dar unha “resposta adecuada a unha petición nun período razoable” e facilitar unha ligazón á que se poida recorrer no caso de que a resposta á comunicación ou á solicitude sexa insatisfactoria. Os países terán que designar unha autoridade encargada de vixiar o cumprimento destas regras.

Ao redor de 80 millóns de persoas na UE teñen unha discapacidade. Co envellecemento da poboación, o número de persoas con discapacidade ou dificultades asociadas á idade para acceder a internet vai seguir aumentando.

Próximos pasos

Unha vez que a directiva sexa publicada no Diario oficial da UE, os países terán 21 meses para trasladala á lexislación nacional desde a data de entrada en vigor. Contarán entón con 12 meses para aplicar as disposicións ás novas páxinas, 24 meses para as páxinas xa existentes e 33 meses para as aplicacións móbiles.

Tema: Xeral
Fonte: Discapnet
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal