Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Obradoiro AlimentaTIC

A Deputación de Lugo organizará 15 obradoiros de AlimentaTIC en todas as comarcas da provincia

Versión para impresiónSend by email
Lugo, 28/10/16 (08:06)

A Deputación de Lugo está mergullada no impulso a AlimentaTIC, o obradoiro provincial incluído dentro da programación de actividades gratuítas para maiores do InLugo (Fundación TIC, Deputación) que fomenta a alimentación saudábel a través das novas tecnoloxías da información. Onte mesmo o vicepresidente da entidade provincial, Santos Ramos, mantivo un encontro cos participantes do obradoiro no Corgo. Ademais, deu a coñecer que con motivo da celebración o 16 de outubro do Día Mundial da Alimentación, o InLugo organizará até finais de ano 15 talleres distribuídos en todas as comarcas da provincia, así como dúas conferencias maxistrais sobre a importancia de mellorar as prácticas alimentarias a través das TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación).

Os obradoiros máis inmediatos celébranse este 27 de outubro (de 16.00 a 19.00 horas en Guitiriz), o 28 de outubro (pola tarde no salón de actos da Casa da Cultura en Pontenova) e o 31 de outubro (pola tarde no salón de actos da casa da Cultura de Trabada). Santos Ramos salientou na súa visita ao Corgo que “todos sabemos que unha boa alimentación é recomendábel en calquera etapa da vida, pero faise especialmente necesaria cando imos sumando anos”. Segundo fixo saber, o obxectivo de AlimentaTIC é, precisamente, “ensinar aos nosos maiores a coidar da súa saúde cunha dieta aconsellábel empregando as novas tecnoloxías”. Ademais de participar nestes obradoiros, nos que haberá postos con alimentos saudábeis para os asistentes, os maiores que acoden a AlimentaTIC teñen a súa disposición unha guía de alimentación en formato dixital co deseño, por exemplo, dun menú semanal axeitado ou con consellos para comer ben a prezos económicos.

Tema: Xeral
Fonte: Código Cero
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal