Fundación ONCE presenta o vindeiro xoves, 27 de outubro, ás 12.00 horas, na Praza de María Pita da Coruña, unha casa intelixente, sustentable e accesible, para demostrar á sociedade que a accesibilidade é positiva para todos e que, ademais, non está rifada co bo gusto.
A vivenda, de máis de 100 metros cadrados, poderá visitarse na Coruña desde o xoves 27 de outubro ata o 30 do mesmo mes, en horario de 10.30 a 20.30 horas.
Na súa presentación o xoves participarán Heriberto García, director xeral do Instituto Galego de Vivenda e Solo da Xunta de Galicia; Coro Piñeiro Vázquez, directora xeral de Maiores e Persoas con Discapacidades da Xunta de Galicia; Carlos Fernández Lamigueiro, presidente do Consello Territorial de ONCE en Galicia; Manuel Martínez Pan, delegado territorial de ONCE en Galicia, e María Josefa Álvarez, directora adxunta de Accesibilidade Universal de Fundación ONCE.
Tras deixar A Coruña o domingo 30 de outubro, a estancia, que pasou xa por Madrid, Pamplona, Logroño, Bilbao, Santander e Xixón, e que se aloxa nun tráiler, visitará outras oito localidades españolas ao longo deste outono.
Entre os avances que poden gozar os usuarios que se acheguen a vela figuran alfombras con detección de presenza; balizas Beepcons, desenvolvidas por ILUNION, que están especialmente deseñadas para facilitar ás persoas con discapacidade visual a identificación e localización dos obxectos próximos; a nova Smart TV de Samsung, que recibiu o premio CES 2016 Best of Innovation na categoría de tecnoloxía accesible; un secador corporal; un armario de almacenaxe motorizada; unha cociña con encimera regulable, ou unha mira dixital.
A vivenda está pensada para que a visiten profesionais do sector da edificación, escolas de deseño industrial, empresas relacionadas coa construción, o urbanismo, a accesibilidade e a domótica, administracións públicas, asociacións de persoas con discapacidade e sociedade en xeral.
A casa, que conta con máis dun centenar de solucións tecnolóxicas, é unha iniciativa da Fundación ONCE posta en marcha no marco dun convenio subscrito co Real Padroado sobre Discapacidade para mostrar aos seus visitantes as posibilidades de construción e dotación de mobiliario nunha vivenda intelixente, accesible e sustentable, á vez que ofrecer solucións técnicas e tecnolóxicas a problemas de accesibilidade.
Dotada de salón, cociña/comedor, dormitorio, baño e hall de entrada, a estancia concibiuse baixo os criterios de confort, adaptación ás necesidades dos seus habitantes, facilidade de uso, seguridade, sustentabilidade e estética.
Rexístrate como: