Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
O recanto de videoxogos inclusivos do centro de Nigrán nunha imaxe de El Faro de

Educación felicita ao Centro Juan María de Nigrán polo seu proxecto de videoxogos inclusivos

Versión para impresiónSend by email
Nigrán, 26/10/16 (13:10)

O Centro de Educación Especial Juan María, de Nigrán, recibiu os días pasados un importante recoñecemento estatal polo seu traballo a prol da integración educativa, social e laboral pola vía das novas tecnoloxías da información. Para felicitar ao centro, o conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez, visitou as súas instalacións este martes 25 de outubro. Durante a súa estadía, Rodríguez salientou “o seu espírito emprendedor e innovador”. Como lembraremos, o centro foi distinguido hai uns días co Premio SIMO Educación ao Mellor Proxecto TIC en educación inclusiva, igualdade e diversidade.

A orixe e o motivo deste premio están no proxecto Os videoxogos no camiño cara a inclusión, unha iniciativa impulsada para dar resposta á necesidade de aumentar o acceso ás novas tecnoloxías a persoas con diversidades funcionais e cognitivas.

Na súa visita, Román Rodríguez sinalou este centro como “un exemplo de esforzo, superación e unión de forzas cara obxectivos comúns que o son de todo o sistema educativo galego: tolerancia, respecto, inclusión e valoración da diversidade”. Durante a súa estadía o conselleiro estivo acompañado polo coordinador do mesmo, Alberto González da Rosa, e pola súa directora, Soledad Pazo. Así mesmo participaron na visita a secretaria territorial da Xunta en Pontevedra, Yolanda Lesmes; e o xefe territorial da Consellería na provincia, César Pérez Ares. Volvendo ao recoñecemento de SIMO Educación (cuarta edición), entregouse este venres 21 de outubro no marco do evento do mesmo nome, celebrado no recinto IFEMA de Madrid entre unha manchea de representantes do ámbito das novas tecnoloxías e a educación. O proxecto Os videoxogos no camiño á inclusión recibiu o apoio da Obra Social La Caixa para a habilitación e posta en marcha dunha sala multimedia que contase con todo tipo de equipamentos informáticos accesibes: pantallas, videoconsolas, computadores, un equipo de son, tabletas e mesmo unhas lentes de realidade virtual. Este recanto foi concibido para desenvolver unha formación plena a través das TIC para colectivos con todo tipo de diversidades.

Tema: Xeral
Fonte: Código Cero
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal