Entre o alumnado que este curso realiza os seus estudos no campus de Ourense está o alumnado sénior, as persoas con máis de 55 anos de idade que están matriculadas no Programa Universitario de Maiores. Este curso 2016/2017 a súa cifra ascende a 175 persoas, 100 no primeiro ciclo, o intensivo, e 75 no segundo, o integrado. Un 68% destes estudantes, 118, son mulleres. Os estudantes sénior fóronse incorporando paulatinamente nas últimas semanas ás aulas ata estar hoxe en día “a pleno rendemento”, tal e como sinala Alberto Vaquero, coordinador do Programa Universitario de Maiores no campus ourensán.
O primeiro ciclo, o intensivo, conta neste curso con 100 estudantes. “Esta cifra recolle un incremento moi importante desde o curso 2013/14, xa que se conta cun 25% máis de alumnos e alumnas, o que é sinal non só da consolidación senón tamén do crecemento do programa neste campus”, comenta Alberto Vaquero. Entre as claves deste maior interese, o seu coordinador salienta cuestións como contar cun programa formativo específico con máis de 30 materias de todas as ramas de coñecemento e o amplo abano de actividades culturais, deportivas e servizos que teñen dispoñibles nas instalacións universitarias ourensás.
Este curso, engade Vaquero, ademais de impartir moitas das materias que se viñan ofertando neste ciclo, como Informática,Idiomas, Alimentación saudable, Educación física para maiores ou Música, os matriculados e matriculadas teñen outras opcións como A importancia da saúde ou Como entender os impostos. “Ademais, impartimos a materia Aula social, que queremos sexa o lugar para desenvolver proxectos e actividades que propoña o alumnado, de forma que a súa participación sexa unha peza clave”, destaca o docente. O alumnado desta etapa tamén conta en determinadas materias con actividades complementarias, como talleres, conferencias ou visitas de estudos.
Polo que respecta ao seguinte ciclo, o integrado, Alberto Vaquero salienta que conta este curso con máis de 60 materias, materias de grao que son ofertadas polas diferentes facultades e escolas do campus e que posibilitan unha maior integración do alumnado sénior cos demais estudantes, sendo o obxectivo deste ciclo precisamente o fortalecemento das relacións interxeracionais. Por último, entre as características do Programa Universitario de Maiores no campus de Ourense, o seu coordinador tamén salienta aspectos como a existencia dun coro, dunha aula de teatro e dunha asociación de estudantes “moi activa, que anualmente realiza un completo programa de actividades, desde conferencias ata o acto de fin de curso”.
Rexístrate como: