Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Imaxe da xornada

Galicia debate en Bruxelas sobre a especialización intelixente das rexións e a adaptación ao envellecemento poboacional na Semana Europea das Rexións e das Cidades 2016

Versión para impresiónSend by email
Santiago de Compostela, 13/10/16 (11:42)

Un ano máis a oficina de representación galega en Bruxelas - a Fundación Galicia Europa (FGE) - volveu ser sede oficial da Semana Europea das Rexións e das Cidades acollendo dous seminarios, o primeiro celebrado o pasado luns e o segundo hoxe. As oportunidades das TIC para o envellecemento activo e as estratexias de especialización intelixente protagonizaron ambos os dous eventos con participación galega.

Baixo o título Smart cities and communities for all: How to become smart and age-friendly , o primeiro dos seminarios abordou as dificultades existentes para que as persoas de idade saquen un maior proveito das TIC. Representantes de Amsterdam, Niza, Oslo e Udine en Italia expuxeron as accións postas en marcha para procurar que os espazos urbanos se adaptan ás necesidades das persoas de máis idade, tendo en conta as novas ferramentas para que estas cidades se convertan en “intelixentes” en eidos tan diversos como o aforro enerxético, a mobilidade ou a participación cidadá.

En representación de Galicia, a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) presentou o proxecto “Fogares intelixentes” que utiliza as tecnoloxías da información e a comunicación para asistir á xente maior nos seus fogares. Tendo en conta que preto de un de cada catro galegos ten máis de 65 anos, que a meirande parte deles prefire ficar a vivir na súa casa e que o custe da asistencia en residencias para a administración pública é moi elevado, a Xunta de Galicia está a deseñar unha plataforma integral que, mediante a análise da información da contorna dos maiores, permite prestarlles servizos personalizados, tanto sanitarios como asistenciais. A Xunta está a traballar na obtención de financiamento de innovación para empregar o procedemento de compra pública innovadora no seu desenvolvemento e posta en marcha.

Nunha segunda mesa redonda, representantes da Comisión e o Parlamento Europeos expuxeron as iniciativas que están en marcha a nivel comunitario para fomentar que estes proxectos de inclusión dos maiores se leven a cabo en municipios e rexións de toda Europa.

A compra pública innovadora na RIS3 galega

O segundo dos seminarios, celebrado baixo título de Smart Specialization Strategy: from planning to funding, contou coa intervención de representantes de Galicia e Norte de Portugal, ademais doutras 10 rexións e municipios europeos. Neste caso, a materia central do debate foron as estratexias de Investigación e Innovación para unha Especialización Intelixente (RIS3 nas súas siglas en inglés) que estes territorios están a poñer en marcha como requisito indispensable para a recepción de fondos europeos no actual período 2014-2020.

A Axencia Galega de Innovación (GAIN) explicou neste seminario os tres retos e as prioridades temáticas contempladas na RIS3 galega, deténdose nunha das ferramentas de apoio para axudar a empresas e centros de I+D+i a contribuír a ela: a compra pública innovadora. Con este instrumento, a Xunta estimula a implantación en Galicia de sectores de tecnoloxía avanzada. Norte de Portugal presentou, pola súa parte, a súa RIS3 transfronteriza con Galicia, a primeira deste tipo en toda a UE. As rexións italianas de Basilicata, Lazio e Veneto, a provincia croata de Istria ou a rexión sueca de Värmland foron outros dos exemplos mostrados sobre como están a executar as súas RIS3.

Participación de 10 técnicos de municipios coruñeses

Ademais, nesta edición da Semana Europea das Rexións e das Cidades (EWRC polas súas siglas en inglés) a FGE colaborou cun dos membros do seu padroado, a Deputación da Coruña, para que 10 técnicos locais desta provincia se despracen a Bruxelas para asistir aos seminarios e debates organizados nesta semana. Camariñas, Abegondo ou Cabanas foron tres dos concellos que puideron participar nesta iniciativa denominada “Europa na provincia da Coruña”, cuxo obxectivo é aproveitar a oportunidade que supón a EWRC para intercambiar boas prácticas e establecer contactos con outros municipios europeos para axudar aos concellos pequenos a participar en proxectos europeos.

Acto local da EWRC 2016 en Galicia

Ademais dos seminarios que teñen lugar en Bruxelas, prevense uns 250 actos locais da EWRC entre os meses de setembro e novembro en toda a UE. No caso galego, a Fundación Galicia Europa celebrou os días 5 e 6 de outubro en Santiago de Compostela a segunda parte da terceira edición do seu programa de especialización en financiamento comunitario: TecEuropa. Tras unha primeira semana de formación teórica e visita ás institucións en Bruxelas, entre os días 19 e 23 de setembro, os 20 participantes tiveron a ocasión nestes dous días en Santiago de abordar aspectos máis prácticos sobre o financiamento comunitario como a elaboración de propostas de proxecto ou a procura de socios para formar un consorcio.

A Semana Europea das Rexións e das Cidades rematará mañá a súa 14ª edición acollendo en Bruxelas 130 conferencias e obradoiros gratuítos nos que as rexións e cidades amosan a súa capacidade para crear crecemento e emprego, executar os fondos de cohesión da UE e demostrar a importancia das administracións subestatais para o proxecto de construción europea. Espérase que esta semana atraia uns 6.000 participantes á capital comunitaria, entre expertos académicos e responsables técnicos e políticos de toda UE.

Tema: Xeral
Fonte: Fundación Galicia Europa
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal