Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
App innovadora

Axudas a proxectos de investigación en tecnoloxías accesibles

  • Esta convocatoria de Indra e Fundación Universia vai dirixida a solucións como software, dispositivos ou equipos para persoas con discapacidade.
Versión para impresiónSend by email
Santiago de Compostela, 11/10/16 (08:06)

Indra e Fundación Universia lanzaron a I Convocatoria de axudas a proxectos de investigación aplicada ao desenvolvemento de tecnoloxías accesibles, dirixida a entidades pertencentes ao sistema universitario español, co obxectivo de promover o desenvolvemento de solucións tecnolóxicas innovadoras que melloren a calidade de vida e a integración social e laboral das persoas con discapacidade.

Os proxectos de innovación aplicada, cunha duración máxima de 12 meses, deben estar dirixidos ao desenvolvemento de solucións tecnolóxicas, desde software a dispositivos, instrumentos ou equipos, que poidan ser utilizados por ou para persoas con discapacidade. As solucións propostas poden centrarse en diferentes aspectos, como facilitar a actividade e participación destas persoas na sociedade, previndo limitacións ou reducindo as existentes; protexer, apoiar, adestrar, medir ou substituír funciones/estruturas corporais; e/ou favorecer o acceso, mantemento e mellora do emprego das persoas con discapacidade.

O prazo para participar na convocatoria está aberto desde o luns 10 de outubro ata o próximo 15 de novembro e as bases e o formulario de solicitude están xa dispoñibles na páxina web de Indra e no portal dedicado a esta convocatoria. Unha comisión de adxudicación designada por Indra e Fundación Universia elixirá os tres proxectos que recibirán financiamento nesta primeira edición e que se darán a coñecer o 12 de decembro, tras a valoración das propostas recibidas.

A innovación e excelencia tecnolóxica da solución exposta, a súa viabilidade e transferencia real a produtos ou servizos que aínda non existan no mercado, a súa utilidade práctica nunha contorna real de inclusión laboral e o alcance do seu impacto, tendo en conta o número de posibles beneficiarios e a posibilidade de internacionalizar a idea, serán algúns dos criterios para a valoración dos proxectos. Tamén se terá en conta que o produto ou servizo ideado sexa gratuíto ou teña un custo reducido para os usuarios finais, así como que a solución sexa open source, é dicir, que utilice código de programación aberto, de forma que facilite a súa modificación e adaptación posterior.

Para garantir que as tecnoloxías desenvolvidas dean resposta a necesidades reais e para facilitar unha correcta execución, tamén se considerará de forma positiva a participación nos proxectos de investigadores/alumnos con discapacidade, a colaboración de asociacións e fundacións vinculadas ao mundo da discapacidade, así como a proximidade á rede de software labs da compañía en España. Tamén se buscará potenciar as sinerxias con outros proxectos de Tecnoloxías Accesibles apoiados ou desenvolvidos xa por Indra.

 

Tema: Xeral
Fonte: Casadomo.com
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal